Entroidos que volven á vida: Sande, en Cartelle, coas súas Bonitas, toda unha reivindicación de xénero no pasado

O GC continúa a semana grande do Entroido coñecendo as figuras do Entroido de Sande da man de Mónica, membro da Asociación Cultural Entroido As Bonitas de Sande, que nos conta os pormenores das Bonitas, recuperadas no 2002, do Oso, da Vaca e das Avutardas. Ademais, explica a particularidade tan especial que ten nesta parroquia a queima do Meco.

Por Ángela Precedo | OURENSE | 03/03/2025 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

Cando pensamos en Entroido de seguida se nos veñen á cabeza os peliqueiros de Laza, os cigarróns de Verín ou as pantallas de Xinzo de Limia como os principais expoñentes dunha celebración que ten unhas raíces moi fondas na nosa terra, entrelazadas coas festividades pagás precristiás e as festas medievais europeas. Sen embargo, e por desgraza, non todos os Entroidos tradicionais se conservaron no tempo, habendo algúns que desapareceron por diversos motivos. Con todo, son moitas as asociacións culturais que nos últimos anos loitaron pola recuperación das celebracións das súas respectivas parroquias e aldeas e que volveron poñer en valor a festa dos seus antergos, como un elemento máis do patrimonio inmaterial galego digno de preservar e de valorizar. Dende o Galicia Confidencial, despois de ter falado xa dos Entroidos de Budián (Pantón) --cos seus Brancos e o seu Farranquí--, Salcedo (A Pobra do Brollón) --co seu Oso e os recén recuperados Disfraces de Campo--, Mugares (Toén) --cos seus Mazarucos-- e Carguizoi (Maceda) --co seu Fiadeiro, o Felo e a recuperación do Reinado--, hoxe imos falar do Entroido de Sande, unha parroquia pertencente ao concello ourensán de Cartelle, para coñecer ás súas Bonitas, recuperadas polos veciños no ano 2002, e ao seu Oso, Vaca e Avutardas.

Entroido das Bonitas de Sande, en Cartelle
Entroido das Bonitas de Sande, en Cartelle | Fonte: Cedida

Como nos explica Mónica, membro da Asociación Cultural Entroido As Bonitas de Sande, creada hai catro anos, o primeiro que debemos poñer en valor é que "Sande é unha parroquia, polo que esta é unha celebración moi pequena que nada ten que ver coas que se celebran en Xinzo ou Verín, a nivel de todo o concello". Dende o seu punto de vista, "o ser algo tan pequeno tamén nos beneficiou moito, porque fixo que aquí o Entroido nunca deixase de celebrarse, nin sequera durante os anos da ditadura". Con todo, "o que si se perdeu foi a figura da Bonita, que foi recuperada pola asociación de veciños no ano 2002". O por que, aínda que ninguén o sabe a ciencia certa, puido ter que ver coa dificultade para atopar en certas épocas históricas os mantóns de Manila, peza crave deste traxe. Deste xeito, as personaxes que sempre estiveron presentes neste evento foron o Oso, a Vaca e as Avutardas.

O OSO, A VACA TOLA, AS AVUTARDAS E A QUEIMA DO MECO VINCULADA A UNHA TRADICIÓN RECUPERADA NA NOITE DE FIN DE ANO

O Oso de Sande, segundo conta Mónica, "ao igual que en todos os Entroidos, simboliza a chegada da primavera". "Este Oso sae o sábado na contorna natural dunhas vellas adegas, porque antigamente esta era unha zona de viños, e fáiselle a captura", explica. Pero por que empregar a figura dun oso e non outra simboloxía? Mónica cre que a razón pode atoparse na propia toponimia desta zona, na que hai unha cova coñecida popularmente como Cova do Oso, "non sabemos moi ben por que". Ademais, "en Galicia hai outros osos ademais do de Sande, como o de Salcedo, e todos están presentes nos Entroidos de zonas de montaña coma esta, nas que perfectamente puido ter habido abundante presenza de osos no pasado". Seguindo coa festa, o Oso que se captura o sábado volve saír o martes de Entroido, pero "xa domesticado, con grosas cadeas de ferro". "Antes tamén levaba toxos tamén para protexerse da xente e habíalle que escapar", lembra. Ese mesmo martes, xunto ao Oso, sae tamén outra figura central do Entroido de Sande: a Vaca. "A Vaca está tola, por isto de que o Entroido fai que a normalidade se poña un pouco patas arriba", de maneira que "a vaca que durante todo o ano é mansiña e dá leite, nestas datas vólvese tola". Mónica lembra cando era pequena e "todos os nenos lle tiñamos moito medo, porque cando saía viña correndo cara nós e levaba por diante a quen pillara". Finalmente, como figuras que nunca se perderon, están as Avutardas, que, "ao igual que noutros sitios, aínda que con diferente nome, consisten en vestirse cada un co que poida e co que teña pola casa co obxectivo de que ninguén che coñeza".

Ademais, o martes de Entroido, para poñer fin á festa, tamén se realiza en Sande a queima do Meco, como en moitos outros entroidos ao longo de toda Galicia, pero neste caso cunha particularidade moi especial, vinculada á noite de Fin de Ano. "Antes nesta zona había moitas leiras de millo do que, unha vez colleitado, deixábase a palla a secar en forma de 'tipis' (as típicas tendas indias de forma triangular)", conta Mónica. Así, "cando chegaba a noite de Fin de Ano, a xeito de trasnada, uns veciños --xeralmente os mozos-- queimábanlle eses 'tipis' aos outros", de maneira que "mesmo había quen pasaba a noite en vela para non que lle queimaran o seu 'tipi', porque esa palla logo servía de cama e alimento para as vacas". Aínda que contan que tamén os había máis listos que queimaban o seu propio 'tipi' para non ter que levalo para a casa. Mónica asegura que, aínda que ela xa non viviu eses tempos, os anciáns "din que era unha pasada ver a entrada á aldea esa noite chea de fachos ardendo". A asociación cultural recuperou esa tradición fai un ano e, coa palla das poucas leiras de millo que quedan, fan en Fin de Ano seis ou sete píos simbólicos que se prenden despois das badaladas, deixando un deles en pé que se queima o último día do Entroido co Meco. "Así dámoslle tamén certa visibilidade a estoutra tradición, porque a xente que vén sempre nos pregunta por isto".

Entroido das Bonitas de Sande, en Cartelle
Entroido das Bonitas de Sande, en Cartelle | Fonte: Cedida

AS BONITAS COMO UNHA REIVINDICACIÓN DE XÉNERO, POIS ANTIGAMENTE ESTES TRAXES ERAN LEVADOS POLOS CATRO MOZOS MÁIS APOSTOS DA ALDEA

Con todo, dende fai xa algo máis de 20 anos, resulta innegable que as personaxes centrais do Entroido de Sande son As Bonitas, cunha orixe histórica moi arraigada. "Din os máis maiores da aldea que, cando a xente daquí marchou loitar á Guerra das Filipinas trouxo mantóns de Manila moi fermosos, que logo comezarían a empregar durante a celebración do Entroido", conta Mónica, que explica que, "como eran tan custosos, había mesmo quen os pedía prestados para poder lucir esa bonita seda". Pero, de onde vén este nome de Bonitas? Mónica sinala que as historias contan que durante os Entroidos de antes, "a xente vestíase practicamente con calquera cousa que tiña pola casa, por iso, ao ver aos veciños de Sande vestidos con eses mantóns, bautizáronos como Bonitas". Outra das cousas a ter en conta desta tradición das Bonitas é que "eses fermosos traxes vestíanos sempre catro homes, os catro mellores mozos da aldea, o que supoñía un auténtico orgullo para as familias". Isto entronca directamente coas reivindicacións actuais de xénero, poñendo enriba da mesa unha antiga celebración na que aos homes máis guapos sempre se lles chamou 'bonitas'. "Noutros Entroidos hai moitísimos nomes masculinos para denominar os traxes que levaban os homes, dende boteiro ata vergalleiro, pero en Sande, a pesar de que os traxes os levaban homes, sempre se mantivo o seu nome en feminino", amósase orgullosa Mónica. Hoxe por hoxe tanto homes como mulleres e nenos vístense de Bonitas por igual.

O traxe da Bonita, recuperado no ano 2002 pola asociación de veciños, componse de varias pezas. "Leva as polainas negras cuns axóuxeres pequeniños e uns flecos, a bota negra, o pantalón e camisa brancos e, outra das singularidades, é que incorpora unha gravata vermella (prenda asimilada tradicionalmente ao home) e unha saia (asimilada á muller)", explica Mónica, que conta que, no caso concreto da saia, esta "está feita coas colchas típicas das avoas". "Moitas colchas son compartidas aínda a día de hoxe por distintos membros da familia", conta, asegurando que no seu caso comparte a colcha empregada para facer a saia coa súa curmá e o seu afillado. "É algo moi típico e moi bonito que, ao mesmo tempo, implica poder reciclar ese material e darlle unha segunda vida", comenta. A maiores, as Bonitas levan tamén "luvas brancas e un vimbio na man que non é para bater, senón para apartar á xente e que esta deixe paso á comitiva e aos Números --representación de pequenas pezas satíricas--". Na cara, as Bonitas portan "unha máscara feita de arame, moi finiña, que permite que vexan sen ser vistas, e, na cabeza, un gorro feito con dous aros de madeira e catro picos dos que penduras plumas de aves que se foron gardando ao longo do ano". E, finalmente, levan tamén "a cara moi pintada, con rasgos femininos: ollos moi maquillados, beizos moi anchos, meixelas rosadiñas...".

"É UN PRACER RECIBIR ESTES DÍAS A TANTA XENTE QUE DESFRUTA DO ENTROIDO CONNOSCO E TAMÉN VER QUE A XENTE DAQUÍ LLE DÁ VALOR Á NOSA TRADICIÓN"

Ao preguntarlle a Mónica como ve o futuro deste Entroido e se aprecia que os máis pequenos se seguen emocionando cando chegan estas datas, esta lamenta que "a mágoa principal é que non hai suficientes cativos". Con todo, si afirma que "estes días os que hai están moi entusiasmados, e mesmo veñen moitos nenos que non son da parroquia como tal, pero que adoitan vir de visita as fins de semana". Por iso, amósase optimista de cara ao futuro, aínda que recoñece que "si que houbo un tempo no que a celebración do Entroido de Sande case desapareceu", pero non chegou a facelo e, hoxe por hoxe, "xa sexa porque celebrar esta festa se puxo de moda ou pola influencia das redes sociais, estes días vén moitísima xente". Esa grande afluencia supón, "por unha banda, algo bonito, porque vemos como a parroquia se enche de xente e de coches sen ser por un funeral --chancea Mónica--, pero, pola outra, tememos que o evento chegue a masificarse, porque os organizadores somos moi pouquiños e temos medo de non dar a todo e tamén a que se perda a esencia do noso Entroido". Aínda así, Mónica asegura que "é un pracer recibir estes días a tanta xente que o desfruta connosco e tamén ver que a xente daquí lle dá valor á nosa tradición", pois "ás veces semella ser necesario que a vexan nos medios de comunicación para que lle dean máis importancia".

Ademais, sobre este Entroido, como sobre moitos outros, non todo está dito, senón que dende a asociación cultural aínda proseguen coas investigacións para afinar máis na tradición. "Agora a idea é ver se conseguimos protexelo máis, aproveitando esa proposta que xurdiu de declarar patrimonio inmaterial tanto os entroidos de Ourense como os do norte de Portugal", explica Mónica, que asegura que polo momento "estamos intentar xuntar documentación por medio de entrevistas aos máis maiores". Pero "temos que apurar, porque hai maiores que xa non están e, os que quedan, están nesa fina liña que pode facer que deixen de estar en calquera momento". Deste xeito, "temos preparados uns cuestionarios para facerlle", pero, "lamentablemente imos sempre un pouco a remolque, polas circunstancias de cada quen (traballos, obrigas...)". "Ás veces pensas que todo vai ser eterno e que sempre podes escoitar a estes maiores e, de súpeto, a xente vaise", reflexiona Mónica, que lamenta que "hai moita xente da parroquia que foi moi entroideira e que mantivo viva esta tradición para que chegase ata nós que xa non está", o cal "é unha mágoa". Por iso, dende a Asociación Cultural Entroido As Bonitas de Sande tratan de dar a todos eles o seu recoñecemento e poñer en valor unha tradición que nunca debería caer no esquecemento.

Entroido das Bonitas de Sande, en Cartelle
Entroido das Bonitas de Sande, en Cartelle | Fonte: Cedida
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta