Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/03/2025 | Actualizada ás 16:35
O Consello da Xunta aprobou este luns o decreto que declara Ben de Interese Cultural o 'Entroido' galego, ao considerar acreditado o seu valor singular como "patrimonio inmaterial" da comunidade, tal e como explicou o xefe do Executivo galego, Alfonso Rueda. Esta declaración culmina o proceso iniciado en 2024 para darlle esta distinción ao Entroido tradicional galego e chega tras recibir os informes favorables do Consello da Cultura Galega e do Museo do Pobo Galego, sen que se rexistrase ningunha alegación. Supón a aplicación do réxime de tutela da Lei de patrimonio cultural e, por tanto, o maior nivel de protección. Tal e como apuntou Rueda durante a conferencia de prensa, esta celebración ten unha "incalculable importancia" desde o punto de vista histórico, etnográfico e cultural, cunha relevante presenza nas "artes e nas letras" dentro e fóra da Comunidade.
O titular do Executivo galego puxo en valor a utilidade do Entroido para "reivindicar a identidade" de lugares, aldeas, parroquias ou concellos, favorecendo a integración, a sociabilidade ou o "intercabio interxeracional". Nesta declaración como Ben de Interese Cultural tamén se enxalza a riqueza, diversidade e multitude de expresións singulares propias do Entroido, facendo fincapé na ampla tradición coa que conta en "boa parte de Galicia" e a súa capacidade de adaptación. De feito, un total de 191 dos 313 concellos galegos (o 61 %) escolle unha data vinculada ao Entroido como festivo local. En conxunto, con esta aprobación xa son 784 os Bens de Interese Cultural que hai en Galicia recoñecidos pola Xunta. Deles, 111 foron declarados desde a entrada en vigor da Lei de patrimonio cultural de 2016.
O CONXUNTO DO 'ENTROIDO'
Tal e como explicou Rueda, a consideración de Ben de Interese Cultural aprobada no Consello recoñece e protexe "o conxunto" do Entroido galego, sen circunscribirse a festexos concretos. De feito, algúns deles xa contan con esta distinción de maneira específica, como son os de Santiago de Arriba (Chantada), Salcedo (A Pobra do Brollón) e Esgos, declarados BIC no marco da declaración da paisaxe cultural da Ribeira Sacra aprobada en 2018.
A maiores, o decreto ten en conta que varios entroidos teñen recoñecemento como festas de interese turístico. Trátase dos de Xinzo de Limia, que é de interese turístico internacional; do de Verín, de interese turístico nacional; e outros nove entroidos que están recoñecidos como festas de interese turístico de Galicia: Cobres, Laza, Viana do Bolo, O Folión tradicional do Entroido de Manzaneda, Os Xenerais da Ulla, Maceda, Vilariño de Conso, Foz e o Enterro da Sardiña de Marín.
MEDIDAS DE SALVAGARDA
Rueda destacou que o decreto aprobado este luns polo Goberno galego tamén recolle unha serie de "garantías" de salvagarda para a preservación, transmisión e revitalización deste Ben de Interese Cultural. En consecuencia, recóllese a conveniencia de arquivar e sistematizar documentos relacionados con este patrimonio para poder comprendelos dunha maneira máis eficaz e completa, así como para garantir a súa preservación futura. Ao respecto, tamén se recomenda que se promova a súa incorporación ao ensino de maneira formal e informal, e que tamén se produza a creación dun repositorio do Entroido galego coa documentación, testemuños, material audiovisual e outros rexistros de interese.
Na distinción de Ben de Interese Cultural tamén están moi presentes os vínculos coa gastronomía, pola súa relevancia na vida social nunha comunidade. Así, na actualidade, existen cinco festas gastronómicas de interese turístico relacionadas co Entroido: a Feira do Cocido de Lalín, festa de interese turístico internacional, as festas da Filloa de Lestedo, do Lacón con Grelos de Cuntis, da Androlla de Viana do Bolo e do Botelo do Barco de Valdeorras. Finalmente, este recoñecemento dálle relevancia ao emprego da máscara como un elemento carnavalesco característico, que se vincula sobre todo coas raíces rurais deste festexo cultural e lúdico. Así mesmo, o decreto pon en valor que no 'Entroido' hai unha serie de ritos, cunhas normas e expresións que se adaptan aos tempos.
TEATRO CINE FRAGA
Por outra banda, o Consello deu luz verde este luns ao informe para os usos do Teatro Cinema Fraga, que buscan converter este edificio emblemático da cidade de Vigo nun espazo escénico, musical, audiovisual e literario "de referencia no noroeste peninsular", dixo Alfonso Rueda. As medidas incluídas neste plan de usos buscan lograr o máximo proveito e potencial deste simbólico inmoble de 7.000 metros cadrados, adquirido o verán pasado pola Xunta e a Deputación de Pontevedra, co fin de consolidalo como "un importante polo dinamizador da cultura da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal". A súa recuperación pasa por transformalo nun espazo arquitectónico flexible e polivalente que favoreza a produción e experimentación, a través de talleres e laboratorios de ideas vinculadas ás artes musicais, audiovisuais, e literarias.
Nesta liña, proponse a posta en marcha de residencias artísticas para profesionais locais e tamén de todo o noroeste peninsular. Ademais, haberá unha sala polivalente con capacidade de ata 2.000 persoas para teatro, concertos ou cinema. No plan de usos tamén se destaca o dinamismo do edificio para optimizalo e organizar encontros, festivais e ciclos temáticos. Finalmente, o Teatro Cine Fraga tamén vai contar cun espazo museístico, concibido como unha área de pequeno tamaño, pero alto valor cultural, destinada a preservar, destacar e compartir os vínculos deste edificio co desenvolvemento do cinema na cidade olívica e Galicia. Nesta liña, está prevista a recuperación do histórico órgano de cinema, único en España para acompañar as proxeccións.
MESTRE MATEO
Finalmente, o Consello da Xunta autorizou este luns a firma do convenio anual entre o Goberno autonómico e a Academia Galega do Audiovisual, en virtude do cal a Consellería de Cultura, contribúe con 70.000 euros á organización da 23 edición dos Premios Mestre Mateo. A dotación desta colaboración increméntase nun 16% respecto a 2024. O Lalín Area acollerá o próximo 15 de marzo a gala de entrega dos XXIII Mestre Mateo, que por vez primeira celébrase fóra do circuíto habitual dos grandes núcleos urbanos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.