Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/03/2025 | Actualizada ás 14:13
Unións Agrarias insiste en esixir a Consellería do Medio Rural e Augas de Galicia unha revisión "exhaustiva" e "rigorosa" das zonas vulnerables a nitratos (ZVN) en Galicia, de forma que se controle se os niveis de contaminación detectados nas estacións de medición responden efectivamente á actividade agrícola ou a outras fontes. Unións Agrarias lembra que a directiva europea e o decreto de transposición establecen a necesidade de determinar a orixe agraria da contaminación por nitratos antes de declarar unha zona como vulnerable.
Con todo, advirte de que aínda que a Confederación Hidrográfica Miño-Sil xa realizou unha análise técnica deste tipo, "eliminando estacións de medición con datos non fiables ou influenciados por contaminación non agraria", "non consta que Augas de Galicia, nas concas hidrográficas da súa competencia, fixese un traballo semellante antes de pasar os datos das estacións á Consellería de Medio Rural". A declaración non pode basearse en datos sen depurar nin sen unha análise que discrimine claramente a orixe da contaminación, sostén, segundo ditame da Comisión orixe de todo este procedemento.
Para Unións Agrarias "é evidente que hai zonas onde a agricultura e a gandaría non teñen posibilidade de causar os problemas detectados, como no caso de Nigrán, Baiona e Gondomar". "Tamén parece evidente que no caso de Vilanova, Cambados, Meis e Ribadulla non existe apenas carga gandeira, e a actividade de produción de viño, que non é intensiva en fertilizante, non parece dar conta dos altos valores detectados", sostén, polo que é "máis lóxico buscar a orixe en nitratos procedentes de orixe extra agrario ou augas residuais urbanas, especialmente nunhas zonas con gran flutuación de poboación flotante durante os meses de verán".
"O mesmo se pode afirmar de zonas propostas na provincia da Coruña, onde coinciden baixas cargas gandeiras ou actividade agraria, con altos niveis de poboación ou actividade industrial. Ao mesmo tempo, puntos de control claramente nesgados pola súa localización e que de ningún xeito reflectirían os valores medios das calidades da auga das zonas de estudo. Pero todos estas evidencias, só se poden facer valer ante a Comisión Europea se hai un estudo rigoroso por parte do organismo competente, que ditamine tecnicamente e se incorpore ao expediente en curso", relata.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.