Por Manuel H. Iglesias | Ourense | 13/04/2016
Na chamada esquerda sempre estivo vivo o debate de optar entre a realidade de afrontar o posible ou, pola contra, anclarse na utopía esperando que chegue o momento social oportuno. Opción esta que soamente se dá en momentos históricos concretos. Polo que, de novo a velas vir, que é tanto como non facer ren. O que implica deixar de facto gobernar ás anchas á dereita máis tradicional e inmobilista.
Ise sempre foi o dilema que estivo e está presente en moitas forzas políticas e tamén no nacionalismo galego. Querer abarcar moito e seguir coas mans valeiras. Dilema que, en certa medida, agocha concepto de inferioridade e medo a gobernar e non poder aplicar programas concretos ás xeneralidades nas que sempre se oferta e promete o imposible, e logo non se poden a afrontar por moitas e diversas causas. Iste debate xunto con outras historias pasadas trouxo divisións e fracasos no mundo chamado do progresismo. E, consecuentemente, levou ós cidadáns a frustracións que remataron sendo absentismo electoral e permitindo que os gobernos conservadores sexan os que sempre gañen sempre a partida.
O pacto proposto para o goberno do Estado entre o PSOE e Cidadáns non ía ser a panacea para solucionar os problemas moi graves que temos. Non, pero tiña alomenos algunhas virtudes que ó meu xuízo poderían facer mudar o panorama político, dado que retocaba os elementos máis polémicos e prexudiciais da reforma laboral e educativa; abría portas para tocar temas como os das deputacións; e, sobor de todo, abría a porta a trocar liderazgos que limparían por necesidade a dereita. Cuestión esta última que permitiría abrir vçoas de dialogo para a reforma constitucional na que, sen os populares non hai nada que facer. Pero, aconteceu algo semellante ó que pasou noutras ocasións. E a falla de visión política dos emerxentes como Podemos leváranos, de non mediar un miragre nos poucos días que quedan, a un novo proceso electoral que, en Galicia, pode ter tres furnas: Congreso, Senado e Cámara galega. E, diante iste panorama, que facer cando soamente hai un candidato nomeado para a Xunta que xoga con moita vantaxe. Posiblemente despois do 26 X soamente quede laiarnos do fracaso que pode acontecer sen non media algunha meiga boa.
Na política, como en todo o que acontece nas sociedades, saber distinguir entre a utopía ideolóxica e o que se pode facer na práctica con garantías de éxito, é moito máis importante que vivir sempre agochados nun populismo progresista que, aínda que sexa de esquerdas, so conduce ó fracaso. E, mentres tanto no Estado. sigue cortando o bacallau coa súa arrogancia e en moitos casos menosprezo os que consideran que o poder lles corresponde obra e graza dun don soberano como se fose unha herdanza.