Por Manuel H. Iglesias | Ourense | 06/07/2016
As novas da política pasan a un segundo plano e todos, dun xeito ou doutro, dámonos un respiro. Mais iste ano, parece que non vai ser totalmente así. Atrás quedaron os resultados do 26 de xuño e aínda que parece que as cousas tornaron máis positivas para os populares e eles están máis perto de formar un goberno, acadar os votos necesarios para investir ó Sr, Rajoy non parece unha tarefa moi sinxela. E fago esta afirmación pois case ninguén quere cargar coa pesada mochila de darlle lustre a un goberno presidido por quen ten un pasado con moitos asuntos escuros no seu partido e no executivo. Claro que, se despois das primeiras eleccións non fixo nada por modelar o seu posicionamento, pois lembremos que non estaba disposto a tocar nada das súas reformas, agora penso que, se quere ser presidente, non lle queda outra que aceptar negociar e sacrificar moitos dos seus peóns e das reformas que fixo. E se non ó tempo.
Por iso digo que estamos nun tempo de incertidume política pois nada está claro. Nada parece certo, pois circulan moitas mentiras, cóntannos moitas trolas e dulcifícanse moitas malas novas. Nada está previsible e pouco se pode garantir a curto prazo. Ademais ó anterior hai que sumarlle un certo desasosego que se percibe na poboación, pois son moitos cidadáns os que intúen un futuro no económico un tanto escuro. A nova de que, neste país envellecido, houbo que volver a sacar un bo fardo de miles de millóns para o pago da extra ós pensionistas, aumenta máis a desconfianza; pois xa ninguen discute que o sistema pode facer auga en poucos anos. E aínda que as campás alardeen e o goberno as repenique dicindo que todo vai ben, todos presentimos que a nosa economía marcha mal, que non se crea emprego e que todo o que se nos conta é unha fantasía ilusoria. Ter que retirar 8000 millóns de euros da caixa da seguridade social, xa se sabía antes das segundas eleccións, pero ninguen do equipo de Mariano o quería dicir, polo que o asunto sona a ocultación electoral premeditada.
En fin, estamos de novo diante un dilema serio, o que hai que sumarlle o proceso electoral galego e saber se as chamadas mareas teñen un candidato que una e dea ilusión a todos os galegos. Con todo, a pregunta que máis ronda é se haberá cintura política para ceder e buscar acordos, primeiro quen non ten a maioría para gobernar, e segundo comprobar si os grupos da oposición son capaces de chegar a consensuar naquelas cuestións que son básicas para que o Estado funcione e atenda ós principais problemas que demanda a cidadanía.
Por iso, digo que iste verán é un tempo de incertidume, pois son moitas as cousas que están por resover e arranxar.