Os cantautores eran, xeralmente, persoas que coa súa guitarra lanzaban ó vento cantigas que tiñan un fondo contido social; cantigas que reivindicaban ós poetas proscritos pola ditadura e traían unha linguaxe nova e moi diferente á que daquela imperaba. Eran os trobadores que anunciaban un tempo novo. Xente que con moitas inquedanzas sociais e incluso políticas denunciaba e empregaba a música para dar a coñecer ideas e ansias de liberdade.
Pois ben, hai uns días galardoaron co nóbel de literatura a un trobador americano. Unha persoa que, como outros trobadores que tiñamos máis perto de nós, soñaba cun mundo mellor e denunciaba os males da sociedade onde vivía. Denunciaba a marxinación dos negros; a guerra do Vietnan, etc. As súas cancións foron traducidas a moitos idiomas e algunhas daquelas sinxelas melodías foron adaptadas, cambiándolle a letra, cousa moi discutible, para seren cantadas incluso nas igrexas.
Mais a decisión de galardoar con este premio, que sempre foi adicado á literatura, a un músico, veu amosar á necesidade de ampliar o eido desta distinción recoñecida en todo o mundo. Con todo tal decisión da academia sueca lévame a reflexionar sobre a calidade dos textos e músicas que seica son a base para recoñecer a laboura do Sr. Dylan. Pois, ó meu modesto entender, no mundo e mesmo no noso Estado hai cantautores con músicas e letras poéticas realmente fermosas que son fondamente literarios e poéticos, aínda que menos coñecidos co mencionado americano supera a calidade do premiado. Con todo a distinción tamén recoñece ós trobadores que lle cantaron á vida e á xente; que escribiron lanzan músicas e textos fermosos e cheos de sensibilidade humana, de denuncia social e fondamente artísticos e de gran calidade. Citarei dous músicos moi coñecidos: Serrat, e Aute. Pero, como dicía Nebrija hai moitos anos: “La lengua y el imperio caminan juntos” pode que exista certo recoñecemento baseado unicamente na popularidade e na difusión da obra na lingua inglesa.
E este argumento lévame a unha conclusión: se o premiado non fora americano e non vendera millóns de discos sería considerado e proposto para este recoñecido galardón? Posiblemente non.
Con todo, o feito de que se ensanche o campo dun premio e se inclúa o texto e a obra musical dentro dos seus obxectivos, paréceme positivo. A palabra expresada nos textos e a poesía unida á musica ten moita máis forza que cando camiña soa desligada da arte musical.