Por Manuel H. Iglesias | Ourense | 18/11/2016
Pois iso é o que pasa nesta nosa terra, gobernada por modestos funcionarios elixidos democraticamente que traballan fieis ás directrices partidarias e case nunca exercen de seren os representantes dunha terra na que os problemas estruturais nunca se afrontan e pasan de uns a outros mentres o tempo cae sobre nos como unha lousa para que todo siga igual.
O presidente Feijoo dixo que ista sería a lexislatura do rural, ou si se quere a do sector primario en Galicia. Discurso fermoso que parecía abrir portas á esperanza. Mais a desconfianza tamén nace ó nomear o terceiro goberno. Si, un goberno no que nada se move; no que repiten os mesmos e no que nada espranzador se albisca. Un goberno de electos que máis ben que políticos parecen funcionarios que están á orde dun xefe que á súa vez está á orde doutros superiores ó que lle impide ser reivindicativo e asumir con valentía a solución compartida dos graves problemas dunha nacionalidade histórica que se arrastran dende décadas.
Quixera equivocarme, quixera ter que loar a valentía dunha Xunta que busca o diálogo para afrontar eses grandes retos que temos para o futuro; quixera ver a un presidente que sexa o presidente de todos os galegos: os que o votaron e os que non. Mais hai tempo que, comomoitos galegos, perdemos a espranza de ter en San Caetano a un home que defenda iste noroeste peninsular; que busque consensos pois, a verdade en política, non é patrimonio total dunha parte. A verdade en política non é unívoca non é como a pinta un sector. A verdade en política é dispersa por iso ten que ser froito dunha ampla base social; dun acordo. Pero ó ver o nomeamento dos mesmos conselleiros; dos que nunca tiveron a sensibilidade de plantexar e afrontar problemas como a decadencia do sector primario, o abandono do rural; a perda de poboación; a emigración forzosa dos mozos; o desleixo actual de propostas positivas como a do Banco de Terras que puxo en marcha o bipartito; o erro que significou tirar a baixo o concurso eólico e as nefastas consecuencias económicas que desa acción se derivaron; a desfeita do sector leiteiro, o abandono do proxecto ourensán da gran área industrial da Rabeda, e un longo etc. pouco se espera. Pouco emociona o continuísmo das mesmas facianas. E deixo no ar esta pregunta: farán algo distinto os conselleiros que antes nada novo aportaron para solucionar istes e outros graves problemas que xa parecen endémicos?
En fin, a vista das persoas e dos feitos de oito anos anteriores, nada novo temos á vista.