O importante é consumir?

“Non importa se fai falla, o obxectivo é consumir...”

Por Manuel H. Iglesias | Ourense | 01/12/2016

Comparte esta noticia
Ise podería ser o mantra, a letanía ou a cantinela   que escoitamos constantemente a través de todos os  medios  e do goberno en forma de publicidade. Polo que parece que a sociedade actual é o que precisa para seguir viva e téndose en pé. E por si o asunto non estaba claro acollemos cos brazos abertos o chamado Black Friday. Polo tanto xa  podemos engadir ise termo ó importante  número de barbarismos importados de USA  e que parece que  aceptamos de moi bo grao. E fago esta afirmación pois dá a sensación de  que todo o que se lle ocorre ou ven dos ianquis é bo e temos  que  darlle a benvida.
 
Que lonxe quedan os tempos nos que o consumo non tiña o significado que hoxe ten: que lonxe quedan os anos nos que so se mercaba o que se precisaba; que lonxe quedan os días  nos que a roupa  e outros obxectos duraban moitos anos e nos que, a escasa publicidade que había, non era tan incisiva como a actual.
 
Pero, por mor da globalización, entramos nun tempo novo, onde o importante é consumir de maneira acrítica; de mercar sen meditar; de poñer o que uns gurús da chamada moda deseñan e nos aceptamos sen máis; de sentirnos donos dun espazo vital por termos un obxecto ou un  modelo de coche que case non precisamos. Estamos na vida moderna, na que precisa  satisfacer máis o ego persoal e aparentar, que cubrir as necesidades que son vitais.
Pero esta nosa sociedade, a da tecnoloxía, a das comunicacións e a do plasma, tamén ten as  súas  fraquezas. Tamén ten as súas eivas. Non é perfecta pois resulta moi  fráxil, superficial e  valeira.  E  para moitos bastante  frustrante, pois vive sumida nunha hipocrisía que todos aceptamos. Pois  camiña  soamente baseada na vida sen obxectivos que superen o estritamente económico e persoal. Por iso caben moitas preguntas. A primeira sería: consumir é necesario? Pois sí, pero de maneira racional. E seremos capaces de  manter este noso ritmo de vida nun futuro próximo? Pois parece que vai ser moi difícil, pois a nosa sociedade vive dándolle as costas a moitas cuestións básicas para o futuro da humanidade e haberá que afrontar moitos trocos e reformas que hoxe desprezamos.
 
En fin, cando as ansias de consumismo desmesurado se apoderan da sociedade, e todo funciona polo principio de ter a toda costa sen control, é un indicativo de que  a racionalidade vai perdendo espazo. E vaino facendo  para   darlle satisfacción ós impulsos un tanto primarios. E por iso aparecen estas datas nas que  ninguén regala nada, pero que están postas para mercar de maneira irreflexiva e impulsiva. Polo que, cando se potencian na sociedade  costumes importadas que so pretenden  que merquemos sen control  é que estamos a perder, en certa medida, algo da nosa personalidade e, aínda que non o pareza,  tamén da nosa liberdade individual.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Manuel Herminio Iglesias Natural de Seixalbo, concello de Ourense 1949. Diplomado en Maxisterio (Ciencia Humanas) e Música. Comprometido coa labor social, cultural e política, fundou diversas asociacións. Foi, dende xuño do 2009 ate xuño de 2011 concelleiro de Infraestruturas, Mobilidade e Perímetro Rural no concello de Ourense. Preside dende o ano 1997 a Asociación Cultural Agromadas. www seixalbo.com