Este texto de A. Machado que popularizou nun disco Joán Manuel Serrat baixo o título de Cantares, pode servir de fondo para entender que todos os países que, nalgún momento, estiveron gobernados por ditaduras máis ou menos encubertas dunha chamada democracia orgánica, ou sexa controlada polo único partido no poder, teñen como obxectivo superar esta mensaxe que é tanto como ignorar o paso do tempo e para iso precisan promover o culto á personalidade; o culto ó lider, ó caudillo morto, e o enaltecemento da persoa para chegar case a canonizala co único obxectivo de perpetuar a súa obra e tamén á elite que goberna.
Os paralelismos nas ditaduras de distinta cor son todos moi semellantes: culto á personalidade. Culto desmedido e endiosamento dunha persoa que, como case todas, deixa ó seu paso polo mundo algunhas luces pero moitas sombras.
Non sei se os lectores lembran que, cando morreu o chamado Caudillo ou “Generalísimo” pasou algo semellante nesta España ó que aconteceu estes días coa figura de Fidel Castro. Naquel 20 N milleiros de españois visitaron o cadaleito onde estaba o ditador. Uns choraban, outros saudaban brazo en alto, e a tele, a única que había, louvaba a figura do morto; a súa grande obra política. Falaba dos seu testamento político e do grande favor que lle fixera ós españois dende o pazo do Pardo. Lembro unha frase: “Todo queda atado y bien atado” Claro esa era a Españá oficial. Mentres na rúa moitísimos cidadáns brincaban de ledicia sen expresalo libremente e aplaudían o pasamento do ditador.
Pois algo semellante está a pasar na illa caribeña. Moitos cubanos rendían homenaxe á peregrinación dos restos do comandante que fixo unha revolución con claros e sombras; que nunca permitiu á existencia da oposición organizada; e que ós que discrepaban chamáballe disidentes. Que en nome do pobo acusaba á xente de seren axentes da Cía e á cadea. Morreu o responsable que obrigou a moitos cubanos a fuxir dunha illa co posto para tentar ser máis libres por un mar cheo de perigos.
Pero, como din os versos do comenzo: todo pasa e todo queda, pero o noso e pasar, e Fidel xa pasou á historia, e cando haxa liberdade plena en Cuba, a historia poñerao no lugar que lle corresponde. E a súa obra e a do partido único que obrigou a parte dos cubanos a vivir nun exilio tamén será cuestionada e aireada; e moitas cousas que agora son segredo me Estado sairán a luz e o mito xa veremos como queda.
Hoxe, diante os restos deste controvertido e carismático persoeiro, todo son loas. Máis, o paso do tempo é as necesidades de liberdade pronto deixaran as verbas de Socialismo ou Morte en consignas esquecidas e fora de tempo. E o que foi a ditadura dinástica dos Castro será soamente un recordo.