Pasados moitos anos percibo que, a forte idealización e o dogmatismo, nalgúns grupos políticos, sigue imperando sen ter visos de moverse e achegarse ó que realmente quere a maioría social. Parece que non entende a linguaxe da rúa e maiormente ignóraa. E esa inercia lévaos a tomar posturas de resistencia, aínda que son sabedores de que as minorías terminan senso un fracaso na vida partidaria. Pero o medo á perder o control da organización e outros intereses impídelle adaptarse á sociedade para chegar á maioría social e gobernar.
Pasaron moitos anos dende a chegada da democracia a esta terra, máis en Galicia aínda non naceu a forza que partindo dun galeguismo e un nacionalismo integrador se puxese percorrer ese camiño. Intentos houbo, mais non foron capaces de manterse no tempo e botaren raíces de afianzamento electoral, polo que, de momento, a esperanza de que un galeguismo de sentimento, pracmático e realista sigue nas mans dos que non cren nesta terra e que paso a paso, a pesares do que digan, esnaquízana e subordínana a intereses alleos e con elo aprazan sine die a solución ós problemas endémicos que padece.
Moitas cousas aconteceron nos últimos anos no eido nacionalista. A casa común rachou en tres anacos e parece que estamos nun sempre volver a empezar. Primeiro faise, logo desfaise e así como se fose a nosa historia unha roda que dá voltas sen fin.
Dentro de poucos días voltarán os congresos nos que todo está cocido e precociñado. Máis para cando unha forza galega que non sexa presa de ideas e modelos foráneos? Para cando un partido galego que recolla ese sentir e que poña os intereses xerais por riba dos de grupos que soamente se miran así mesmos.
Intentos houbo, o último foi Compromiso por Galicia. De momento non deu o froito necesario. Máis o espazo político está sen cubrir. En fin, nesta terra onde os grandes problemas de fondo piden solución, parece que se vive de costas a realidade. Uns confórmanse optando pola resistencia e por converter as derrotas electorais en vitorias pírricas. Outros loitan por dilucidar se son autónomos ou meras delegacións da chamada nova esquerda e seguen na lea permanente. Outros loitan por afianzar un proxecto pero carecen de financiamento. E mentres a maioría dos galegos optan polos partidos que, paso a paso, vannos diluíndo e despersonalizando dentro dun Estado que nos ve como unha aldea pequena da periferia a que non se espera na mesa onde se dilucidan os grandes temas políticos e económicos.
Polo que a proposta é seguir resistindo? Pois nada, témola boa. Mais, con todo, non convén perder a ilusión. Posiblemente a partires deste inverno se vaian clarificando as cousas e o proxecto necesario para rachar coas inercias reseñadas empece a tomar corpo. Dende logo, falta fai.