Temas: NCG

Constituída a comisión de investigación das caixas galegas con opinións enfrontadas

O órgano ten como obxectivo rematar os traballos iniciados por este mesmo órgano na pasada lexislatura. O PPdeG cre que tanto o material como as comparecencias que se produciron son "suficientes" e a oposición pide incorporacións.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/01/2017 | Actualizada ás 11:08

Comparte esta noticia

A comisión de investigación da evolución económico-financeira das antigas caixas de aforro galegas foi constituída este luns co obxectivo de rematar os traballos iniciados por este mesmo órgano na pasada lexislatura.

comisión de investigación da evolución económico-financeira das antigas caixas de aforro galegas
comisión de investigación da evolución económico-financeira das antigas caixas de aforro galegas | Fonte: Europa Press.

Este órgano estará presidido pola parlamentaria popular Marta Rodríguez Arias e terá como vicepresidente á tamén deputada do PPdeG Cristina Romero. Pola súa banda, José Manuel Lago (En Marea), será a secretaria.

Participarán na comisión, por parte do Partido Popular de Galicia, o seu voceiro parlamentario, Pedro Puy, así como os deputados Martín Fernández Prado, José González Vázquez, Teresa Ejerique e Guadalupe Murillo.

Ademais de José Manuel Lago, participará nesta comisión Antón Sánchez de En Marea; mentres que polo PSdeG estarán Xoaquín Fernandez Leiceaga e Abel Losada. O BNG, pola súa banda, estará representado polo seu líder, Ana Pontón.

A constitución deste órgano prodúcese despois de que a pasada semana ingresasen en prisión catro ex-directivos de Novagaliciabanco e un avogado condenados por apropiación indebida en relación ás indemnizacións cobradas.

Despois recordar que o seu obxectivo é "rematar" os traballos iniciados na IX Lexislatura e preguntado sobre a incorporación de nova documentación, Pedro Puy considerou que tanto o material como as comparecencias que se produciron son "suficientes" para "dar esa explicación" que hai que dar á cidadanía sobre "o que pasou".

Así, en primeiro lugar, recordou que acudiron á Cámara galega "tódalas persoas que foron citadas" aínda que fose por escrito como o caso do que fose gobernador do Banco de España, Miguel Ángel Fernández Ordóñez.

DOCUMENTACIÓN

No caso da documentación solicitada antes da finalización da anterior lexislatura, sinalou que AGE pediu a incorporación de información relativa á adquisición "duns pisos" por parte de "familiares dun exdirectivo de Caixa Galicia" e que o PPdeG demandou incluír a sentenza da Audiencia Nacional sobre as indemnizacións. "Agora hai que incorporar, tamén polo menos, a sentenza do Tribunal Supremo que afecta ao que foron as indemnizacións", sinalou.

Así mesmo, asegurou non ter "inconveniente" en que se inclúan outras cuestións que se acaban de coñecer como o "interesantísimo informe que acaba de publicar o Tribunal de Contas en relación ao proceso de venda das caixas nacionalizadas". "Todo iso pódese incorporar porque non vai atrasar os traballos xa que a información basicamente é pública", apuntou.

Por último, insistiu en que "esta non é unha comisión" para investigar cousas novas" e deixou claro que "se os grupos teñen algo que preguntar sobre aspectos relacionados co sistema financeiro galego ten outros instrumentos para saber que pensa o presidente, que tamén compareceu na comisión".

"PRINCIPAL ESTAFA"

Pola súa banda, o deputado de En Marea José Manuel Lago destacou que esta comisión analizará o que considera a "principal estafa" sufrida pola cidadanía galega, que pagou "un enorme prezo" debido á "especulación financeira que levou ao Estado e a Galicia á recesión".

"Queremos investigalo todo", subliñou para asegurar que nesta "estafa" hai "actores evidentes" como "os autócratas que dirixían as entidades" ou os "responsables políticos que tomaron decisións en todo o proceso" no que houbo un acordo "para liquidar as caixas de aforro que ten responsables directos nos grandes partidos do Estado".

Ademais, esixiu saber quen "tomou a decisión de que a entidade financeira galega fose privatizada anos antes do que se vai facer con Bankia". "É unha grande estafa, que ten responsables directos e indirectos, que estaban no Banco de España, na Xunta de Galicia e no Goberno central", manifestou.

COMPARECENCIAS

Na súa intervención ante os medios, o voceiro parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fenrnández Leiceaga, pediu a comparecencia do ex-gobernador do Banco de España, Miguel Ángel Fernández Ordóñez, e do director do FROB.

O dirixente socialista solicitou a prensencia de ambos os dous representantes despois de que na pasada lexislatura o primeiro comparecese "por carta", logo de que o PP "se negase a aprazar a súa visita" e o segundo "nin sequera fose chamado". Na súa opinión, as súas intervencións "poden ofrecer máis claridade sobre un proceso que comezou con dúas caixas de aforro que foron primeiro fusionadas, despois intervidas e, finalmente, vendidas".

A operación, tal e como denunciou, supuxo un custo de "10.000 millóns de euros" procedentes do FROB para un proceso que rematou coa súa venda por apenas 1.000 millóns de euros a venezolana Banesco, un investimento que xa foi recuperado polos importantes beneficios rexistrados por Abanca. "Polo medio sucederon cuestións non demasiado exemplares, como as indemnizacións aos directivos ou a actuación nas preferentes", censurou.

COMPARECENCIA DE FEIJÓO

Pola súa banda, a voceira parlamentaria do BNG, Ana Pontón, asegurou que "hai moitas cuestións que investigar" sobre as responsabilidades dos exdirectivos, pero tamén "sobre as responsabilidades políticas" que levaron á súa desaparición. "Os galegos temos dereito a saber por que se malvenderon as caixas galegas", manifestou.

Neste sentido, sinalou que "hai aspectos importantes" que cambiaron dende a pasada lexislatura que requiren a apertura dunha nova fase de comparecencias. Ademais, tamén esixiu que "non haxa corpiños" á hora de investigar "todos os asuntos relacionados coa desaparición do sistema financeiro galego.

Para a líder do BNG, ademais, "sería fundamental que puidese comparecer o presidente da Xunta para explicar algunhas cuestións que están de actualidade e que nós cremos que sinalan directamente a súa responsabilidade", indicou.

Deste modo, citou as "indemnizacións dos exdirectivos" das caixas ao considerar que "Feijóo foi cómplice necesario" para que esas indemnizacións se puidesen realizar". "Non me pode crer que Feijóo non soubese nada do que se estaba a tramar nas caixas", asegurou antes de referirse tamén á "mala venda" das caixas.

Temas: NCG
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta