Se miramos cara o goberno do Sr. Rajoy, logo decatámonos que é un goberno que máis parece defender os intereses dos plutócratas e grandes corporacións que os xerais da cidadanía. Péchanse servizos básicos; “externalízanse”, eufemismo que encubre a privatización de grandes negocios, incluso parte da sanidade, pero sen que iso implique mellora económica algunha para o erario público, mais ben ó contrario. Neste senso lembrarei a liberalización do sector eléctrico. Cando se fixo era para abaratar custos, miren o que aconteceu dende o ano 2004 cando Aznar tomou tal decisión: a electricidade subiu dende aquela máis do cen por cen. E a culpa é do frío, e dos mercados segundo o ministro do ramo.
A política que ate agora estivo baseada no pedide que se vos dará; en dilapidar os fondos europeos en obras faraónicas que trouxeron corrupcións a esgalla. E todo elo sen explicar que isto ten un custo económico; que todo ten un mantemento que nace do esforzo do traballo e pago de impostos; que a lei ten que perseguir o fraude e a corrupción; que os gobernos non poden estar unicamente presos dos intereses dos plutócratas e das grandes corporacións, e así un longo etc. Pois ben, esa política fixo auga, fracasou e trouxo moito cabreo social. E, diante o descontento, os recortes e a carencia de ideas claras e cribles por parte da oposición para presentar propostas, moita xente cae no engado deses discursos populistas; cae na trampa dos que buscan culpar ós máis débiles que son os emigrantes e as xentes máis humildes.
Hai uns días, o presidente Feijoo exclamaba que lle daban pena os responsables do roubo e liquidación das caixas. Pero onde está a coherencia e a ética do Presidente da Xunta? Mais non lle preocupa o tema do encarecemento, poño por exemplo, da luz na casa dos que non dan pagado o recibo mensual e están sen traballo.
Pero o máis triste e que como proposta alternativa a todo o anterior, volven as vellas ideas que tanto mal causaron na vella Europa e no mundo. Europa camiña sen rumbo e empezamos a decatarnos de que a Unión Europea é unha entelequia á que o demagogo presidente dos EE.UU, ignora intencionadamente para desfacela máis.
Vivimos tempos que aluman grandes incertezas; tempos que ameazan retrocesos nas liberdades e no acadado ate o momento. E non me refiro soamente ós salarios. A globalización total no mundo, trouxo avances e deixou á vista moitas debilidades sociais dos países. Pero tamén abriu a porta a loitas unitarias na defensa de dereitos, como demostraron coa manifestación do domingo as mulleres dicíndolle ó ególatra, narcisista e populista presidente dos ianquis que, o mundo non vai calar diante os recortes nas liberdades que poidan vir no futuro. Dicíndolle que hai que gobernar para a xente e non só para os poderosos.