56 núcleos menos na provincia

Hai novas que por non seren chamativas e estridentes e por non estaren dentro diso que se chama actualidade, pasan case sen pena nin gloria. Poderíamos dicir que non teñen o impacto no lector que debían ter. Mais teñen un fondo que si debera animar a todos á reflexión. Claro, si somos capaces de pensar no futuro desta nosa terra e da nosa sociedade.

Por Manuel H. Iglesias | Ourense | 24/02/2017

Comparte esta noticia
A prensa local hai uns días resaltaba que nos últimos dez anos había 56 núcleos menos de poboación  na provincia de  Ourense. Ou sexa 10 aldeas nas que non quedaba  un só habitante.  O  feito  da perda de poboación e unha realidade que xa todos vimos comprobando dende hai moitos anos e que  sigue  medrando como unha sangría que non para.  Galicia, en xeral, perde poboación dunha maneira progresiva; pero o rural galego do interior morre e con elo un modelo de vida que ten centos de anos.  E isto debera facernos tremar  a todos os cidadáns e sobre todo ós responsables políticos, pois a situación continuada de caída de poboación  lévanos a ter unha pirámide humana  tremendamente perigosa e feble para a existencia desta comunidade. 
 
Ben sei que hai cousas que son moi complexas; cousas que se enmarcan dentro das decisións persoais da xente e familiares. Mais, no fondo, as decisións políticas erradas de anos,  vense  cada día máis claras. E as aldeas quedan sen a voz da xente, o campo en ermo e de seguir así, axiña todo ise mundo será  unha páxina no recordo dos nosos descendentes.
As razóns son múltiples e certamente complexas. Pero hai unha que non se debe esquecer. E esa está  referida á valoración dun modelo de vida que, debendo ser reformado para que seguira existindo,  sempre foi esquecido en todos os aspectos. Pois o sector primario e a súa estrutura tradicional soamente foi considerado polos políticos no poder como fonte para acadar votos. Pero nunca os seus problemas estiveron na mesa onde se toman as decisións  para seren resoltos. Desta maneira o noso rural sempre tivo escaseza de bos servizos para ter calidade de vida. E a súa estrutura da propiedade  nunca foi  obxecto de modificacións, ou de propostas lexislativas que incentivaran e axudaran a facela rendible  economicamente, e animaran a fixar poboación, sen que esta tivera que marchar ás cidades ou emigrar fora da terra.  
 
Agás as reformas, que iniciou o pouco tempo que durou o bipartito co banco de terras, e as  que fixeron os alcaldes mellorando accesos nas corredoiras e vías de comunicación. Todo seguiu e segue como en tempos inmemoriais. E ó non haber continuidade  xeracional a xente busca camiños mellores para acadar un bo nivel de vida, cuestión imposible de ter nas aldeas.
Ten Galicia en xeral, e sobre todo o sur de Lugo e Ourense  un grave problema de despoboamento. O sector primario esmorece, e salvando casos moi concretos, nada se fai por buscarlle solución a un problema  tan serio. Nada se fai dende as Deputacións; dende a Xunta,  e nada se fai dende o goberno de Madrid.
 
Feijoo, cando tomou posesión do segundo mandato, alardeou e anunciou que esta ía ser a lexislatura do rural; a do sector primario. Pero o certo é que nada mudou nin se espera que mude. E mentres as aldeas e pobos seguen quedando baleiros.  De pena.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Manuel Herminio Iglesias Natural de Seixalbo, concello de Ourense 1949. Diplomado en Maxisterio (Ciencia Humanas) e Música. Comprometido coa labor social, cultural e política, fundou diversas asociacións. Foi, dende xuño do 2009 ate xuño de 2011 concelleiro de Infraestruturas, Mobilidade e Perímetro Rural no concello de Ourense. Preside dende o ano 1997 a Asociación Cultural Agromadas. www seixalbo.com