Partindo deste enunciado podemos intuír que no saco das tradicións colle un amplo abano de cousas que acontecen na nosa vida e que, con que se repitan unha ou varias xeracións, poden ser consideradas unha tradición incluso cultural.
E digo isto pois, con moita frecuencia, recórrese, para xustificar cantidade de actos que se fan anualmente ó amparo de que son tradicións e, segundo a crenza popular, algo intocable que hai manter durante toda a vida nunha comunidade, nación ou estado. Exemplos hai e non merece a pena nomealos. Uns son interesantes pero outros son verdadeiras aberracións que habería que erradicar.
Por iso as tradicións, polo mero feito de selo, poderíanse clasificar e polo tanto revisar pois non sempre son modelos que deban manterse vivos na sociedade. Hai uns días amparándose nunha tradición descoñecida, uns lexionarios foron visitar a uns rapaces enfermos nun hospital, e alí cantáronlle o seu himno no que din que son noivos da morte, pois parece que a aman. Canto épico que hoxe está fora de lugar e menos para os uns nenos que ansían vivir e superar os problemas de saúde.
En fin, nin que dicir deste acto, que posiblemente fíxose con boas intencións, pero que para moitos foi unha acción desafortunada. Ademais cantar cantar non, pois desafinaban ou case berraban.
Pero, seguindo coas accións que colan no saco das tradicións e que din que son cultura, durante estes días houbo cantidade de manifestacións relixiosas que, por seren xa costume de anos mantéñense vivas a pesares dos cambios habidos na sociedade. Porei varios exemplos: o primeiro é que criticamos que haxa xente doutras culturas que vive na nosa sociedade e leve a cara tapada plenamente. Mais esquecemos que nas procesións de semana Santa e outras festas cantidade de xente vai nas comitivas tapando a faciana. Polo que pregunto: non será este un acto un tanto teatral, pois o máis normal é acompañar as imaxes coa cara descuberta. Xa sei puro, floclorismo teatreiro que vive agochado nunha capucha.
Outro tema que me chama a atención é que nas procesións relixiosas o exercito estea presente e lles renda honores a unha imaxes. Polo que pregunto: e o día que haxa celebracións relixiosas doutras confesións tamén farán o mesmo?
As tradicións e ás relixións teñen un nexo común: pretenden perdurar eternamente sen ser modificadas. Pretenden a quietude das normas polos séculos dos séculos e así frear a evolución das sociedades. Polo que, hai tradicións que teñen difícil xustificación. Unhas por seren completamente bárbaras (O touro de la Vega e os mesmos touros) e outras por estaren fora de tempo e non adaptarse ás legalidades do momento. Logo está as que non son tradicións pero que nos queren colar baixo ese nome. Por iso afirmo que, a tradición non pode ser un caixón de xastre onde entre todo e se xustifiquen accións segundo lle convén o gobernante ou quen mande. E lembro o de pór a bandeira a media asta por ser Semana Santa nos cuarteis.