Que nos pasa que, cando lembramos a data universal dos dereitos dos asalariados, non se suma a sociedade a unha festa que recorda que, dende aquela data, rematouse coa escravitude laboral e gañouse unha xornada de traballo moi semellante a que temos hoxe.
Na sociedade que nos tocou vivir, son moitos os cidadáns que pensan que os dereitos gañados hai moitos anos nunca serán, empregando unha linguaxe moi de hoxe, flexibilizados, reformados e recortados. Cecais pensan que son inamovibles. Pois están nun erro, dado que día a día acontece o contrario e non parece que a cousa pare.
Son dos que penso que as sociedades avanzan mais e mellor cando a paz social impera. Can
do a negociación non é imposición; cando se reparten as cargas da crise. Pero cando as crises como a que padecemos soamente se carga sobre a parte social, estamos diante un indicativo de que algo funciona mal, pois ademais de ser algo inxusto, os asalariados tamén son consumidores.
Vivimos tempos de incerteza; de inquietude pois a ética na política non existe. Vivimos tempos nos que, por aquelo de que somos libres, adoramos o individualismo en detrimento do que nos afecta a todos. E xa se sabe aquelo de divide e vencerás.
Este primeiro de maio houbo as manifestacións xa tradicionais. Pero a asistencia foi semellante a de outros anos. As mesmas caras, un chisco mais vellas; os mesmos berros, as mesmas bandeiras e moi poucos parados e mozos.
E mentres a nosa sociedade, nesa que nos tocou vivir, vai esmorecendo e facéndose máis irrelevante; e cando digo isto penso en Ourense e no resto de Galicia, nos asumimos a resignación, o conformismo e a impotencia e o destino como donos da nosa existencia.
Polo que percibo que, como cada persoa ten a súa historia e cada historia o seu tempo, todo seguirá mais ou menos igual por moitos anos. Ou sexa, carecemos de futuro e aceptamos con resignación o ir tirando.
Vivimos nunha sociedade un tanto narcotizada e sen esperanza. Vivimos un tempo no que non queremos ser protagonistas da nosa vida. E unha sociedade narcotizada polo individualismo ten un gris futuro. E mentres iso sexa así, seralle máis sinxelo os de sempre, gobernar sen complexos. E serán os gañadores pois seguirán cargando as crises sempre sobre nós.