Por iso o acontecido no festival de Eurovisión parece indicar a volta dun romanticismo un tanto amoroso. A cantiga gañadora con un texto emotivo e fermoso, a simplicidade da voz ben timbrada, e un acompañamento sinxelo parece que marcan un novo camiño na música denominada como lixeira.
Todo é posible. Alguén dixo que na música todo está inventado e que nada novo aparece, se non que son as modas que, van e veñen, con algunha variante que chama a atención dos ouvintes. E xa se sabe que, na moda, un factor importante a ter en conta é xogar con cansazo da rutima repetitiva que nestes tempos, pouco creativos, invade o espazo sonoro.
O certo é que unha cantiga de amor sinxela, cun acompañamento fermoso, pero ben construído, e unha interpretación xenial, xunto con outras cuestións como cantar sen renunciar ó idioma propio do pais, lle deron o primeiro trunfo a Portugal no festival de Eurovisión.
Ben sei, que no mentado festival, por ser tan diverso na participación, é realmente complexo elixir unha música gañadora. Pois, a multiculturalidade xa de por si invita a ter criterios de elección diversos. Iso, sen esquecer as afinidades de veciñanza xeográfica, de lingua e mesmo cuestións políticas, que sí existen. Logo veñen as peculiaridades dos xurados de cada pais participante, pois uns son dun xeito e outros doutro. Con todo, desta vez, parece que na cuestión musical houbo bastante consenso. E unha cantiga na que o sosego e a paixon interpretativa, xunto coa simplicidade na escena, foi capaz de engaiolar a maioría dos xurados dos países participantes. Polo que acadou un claro trunfo fronte a pezas con ritmos e escenografías diversas que arroupaban outras propostas musicais. En fin, gañou a música sen aditivos nin compoñendas.
Pouco que dicir da representación do Estado. Cecais, o único aviso é para os que elixen a cantiga, pois teñen que afinar máis nas súas propostas. Dado que estas aparecen como seguidoras desas músicas despersoalizadas ás que lles falta alma, tensión e contido musical.
En fin, felicitacións ós nosos veciños portugueses, e sobre todo parabéns porque unha melodía fermosa con aires de antano, xunto coa xenial interpretación de se Salvador Sobral, foi considerada gañadora desa cita musical que camiña, ano tras ano, un tanto, floxiña.
E para o representante español pois nada: pacencia que quedar primeiro pola cola, non está mal. Soamente temos que darlle a volta á clasificación para pensar que somos os primeiros claro, sen agasallo.