E cada quen tece remedios persoais e busca amigos, no medio dun silencio case sepulcral. Non queda outra, hai que camiñar pola vida como se poida. Nunca se viviu mellor, din os máis vellos! Mentres os mozos ou no paro, ou buscando novos horizontes alén das fronteiras. Claro que así tamén o fixeron os avós e pais. Pois poucas familias son as que non tiveron emigrados nas americas ou na vella Europa a que seica pertence dende hai anos.
Mentres, o chamán principal da tribu viaxa non sabemos se desfrutando ou buscando non se sabe que cousas. Din os mais informados que o fai para mitigar o andazo. E os demais mandadeiros entoan a mesma cantiga, como se dun coro cantando ó unísono todos foran: melloramos, imos polo bo camiño, estamos saíndo da crise, temos futuro.
Mais no concilio da tribu, tanto na terra como elén dela, alí onde se reparten e deciden as cousas importantes, están calados como pedras de perpiaño e aceptan todo o que lle din sen a máis mínima queixa. Non vaia ser que, se protestan un chisco non aparezan dentro da liña oficial e queden fora da foto.
Así camiña a vida polos lares da tribu imaxinaria, ou territorio sen mar, e nestes tempos xa non hai quen se atreva a soñar cun futuro mellor.
Mentres tanto, o silencio e a lealdade, dende o poder págase con esmolas que son coma paliativos, ou placebos para enfermos terminais. Por iso, para entreter os doentes hai que darlle algo no que vaian pasando o tempo. Sí, xogar a pasalo ben. Pois nada, mandémoslles espectáculos de pompa e postureo. Mellor que sexan suntuosos e que chamen a atención. Primeiro din con grande pompa que somos afortunados; pois visitounos unha carreira moi importante que, o fin e o fallo, pagámola cos fondos públicos. Ou sexa todos nós. Logo sorteos e lotarías. Despois bandas, desfiles e actos testimoniais. E por último a visita dun señor que veu das terras do alén; veu de mais alá do océano atlántico a contarnos algo intranscendente.
En fin, isto é o que temos, aínda que, cada ano que pasa, os datos estadísticos na tribu sen mar, no país imaxinario, son peores. E así entre pracebos e paliativos, case sen decatarnos imos andando camiño da irrelevancia dentro do fogar natural e tamén do conxunto. De pena.