Por Manuel H. Iglesias | Ourense | 26/07/2017
E despois de darlle unhas cantas voltas e reler a frase da rebeldía permanente, pregunto: e os cidadáns que buscan solucións os seus graves problemas entenden o que quere dicir tal frase? Teño moitas dúbidas de que saquen algo claro.
Pois ben, isto é o que acontece nunha parte das forzas políticas que hai na nosa terra, onde a discusión e o asemblearismo é unha constante diaria. E de seguir así, mais cedo que tarde, o divorcio está cantado dentro desa formación tan pintoresca. Din os chamados críticos que naceron para seren sempre rebeldía, dado que camiñan, segundo eles, coa pureza democrática de consultarlle todo ás bases, cuestión que non resolve ningún dos problemas que padece esta nosa sociedade. Pois, as bases, soamente son os militantes pero non o universo dos votantes.
Discutir por discutir, que non filosofar con fondura, parece que é a pedra clave de moitos teóricos que viven, dentro de certa comodidade social, e din estar na rebeldía permanente.
Agora, cando estamos nutro 25 de xullo, data na que habería que pór en escena unha serie de principios básicos para poder estar en condicións de que foran recollidos na hipotética reforma constitucional futura, os grupos políticos galegos divagan e teorizan fuxindo da realidade social para andar como di o dito popular, ás pavías.
Parece que, dende que pasou o que pasou en Ámio, a deriva nacionalista non ten límites. E en Galicia camiñamos como unha gamela sen timón nin remador que a leve a bo porto.
Camiñamos sen lideres e andamos un tanto desnortados. Pois uns andan facer unha campaña para lanzar a imaxe do Che Guevara, e outro mareados con tanta dialéctica estéril.
As forzas nacidas do cabreo social, e xuntas para conformar unha plataforma electoral, teñen que aclararse primeiro no que perseguen e logo cales son os métodos de traballo para acadar tales obxectivos. Pois aínda que tendo unha representación política importante no congreso, tal número de deputados non ten nin visibilidade e menos rendemento positivo para esta terra que sempre estivo esquecida e sempre mangoneada polos conservadores.
Está claro que o nacionalismo e o galeguismo dende que se aparcou forzosamente a Quintana non ten líderes que lle dean empaque social. Quizais por iso, os novos partidos falan tanto de asemblearismo, sen decatarse de que logo estaremos todos mareados. Errados van por tal camiño se non son capaces de artellar unha forza nidiamente galega que se entenda coas xa existentes. Pois a xente do común, non precisa asembleas nin metas utópicas. Precisa solucións tanxibles e reais. Polo que, de novo, no 25 de xullo, volverá a pórse en escena unha fonda división política e de obxectivos e, cada grupo na súa praza seguirá pedindo utopías e deixando de lado as realidades e os problemas comúns aparcados.
E así non se fai país. Pois andar na rebeldía permanente non é nada mais que renunciar a artellar unha maioría social para gobernar. E iso pasa por ter debilidade ou medo a pór como obxectivo tal meta. E pola outra banda, o andar a lanzar imaxes de persoeiros como o Che, implica que tales dirixentes non entenden ren do que pasa nesta terra. Viven nunha realidade imaxinaria. En fin, iso é o que acontece hoxe nos grupos nos que hai tantas contradicións ideolóxicas, falla dunha madurez política, por iso queren vivir e soamente na utopía e rebeldía permanente.