Por Galicia Confidencial | Vigo | 08/08/2017 | Actualizada ás 19:16
A actual reforma lexislativa do Goberno portugués tras o incendio de Pedrograo Grande está a provocar que as grandes empresas lusas do sector forestal miren a Galicia para mercar plantacións de eucaliptos e, entre elas, a gran industria do país, The Navigator Company.
A reforma portuguesa da lei forestal recolle a prohibición de plantacións desta especie foránea e só outorgará permisos en casos de "transplantes de áreas que están ecoloxicamente mal localizadas e que non son economicamente rendibles". Durante a presentación da normativa, o ministro Capoulas Santos explicou que non pretende "pór en cuestión a importancia que o eucalipto ten polo emprego que representa nin polas exportacións que representa", pero suliñou que esta industria debe realizarse "con menos área". A reforma está pactada co partido Os Verdes.
Estas restricións levaron ao gran xigante portugués da pasta de papel, The Navigator Company, herdeira da Companhía Portuguesa de Celulosa, de "olhar para outras fontes de floresta e de madeira fora de Portugal, diferentes das que hoje utiliza”. "E uma base forte está no norte de Espanha, na Galiza”, indicaron fontes da empresa consultadas polo Jornal de Negócios.
Nova estratexia empresarial
O presidente executivo da empresa de pasta de papel non ocultou esta nova estratexia empresarial na presentación dos resultados do primeiro semestre do ano. Diogo da Silveira dixo que a aposta da empresa está agora en Galicia. "Poderemos ter mais em Espanha e menos em Portugal”, dixo. “Queremos ter mais em Espanha para diversificar e a produtividade lá também é elevada”, indicou.
"De acordo com a reforma da floresta quem quiser plantar uma nova área de eucalipto, numa zona definida, tem de recuperar e identificar uma área de eucalipto que não esteja com bons níveis de produtividade, arrancar o que lá está e deixar o terreno em condições e para utilização agrícola ou pecuária ou então fazer imediatamente uma nova plantação de uma nova espécie que não seja o eucalipto", explican en Portugal.
Con todo, Portucel, como se chamaba anteriormente a The Navigator Company seguirá mantendo explotacións en Portugal.O propio Diogo da Silveira garantiu que “deter terra em Portugal é importante porque é uma segurança, uma reserva, ajuda a gerir ‘stocks'”, sendo também relevante por permitir desenvolver boas práticas e transferi-las”.
Unha das grandes industrias de Portugal
The Navigator Company é hoxe unha das máis fortes presenzas de Portugal no mundo da celulosa e un dos maiores produtores mundiais de carpeta branca de eucalipto (BEKP) e papeis finos non revestidos (UWF). As súas actividades baséanse en tres complexos industriais de grande escala. Esta empresa ten 120.000 hectáreas de bosque e construíu o maior viveiro de eucaliptos de Europa. Algúns destes proxectos poderían trasladarse a Galicia.
Ten unha capacidade de produción de papel de 1,6 millóns de toneladas/ano, de 1,4 millóns de toneladas ano de carpeta de eucalipto (sendo 80% integrada na produción de papel) e xera cerca de 2,5 TWh/ano de enerxía. O seu volume de negocios é de 1.500 millóns e ten como principais mercados Europa (77%) e América (9%).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.