Vivimos nun tempo no que, se non apareces nos medios cada semana dicindo, aínda que sexa unha parvada, non existes. Polo que parece que é vital que falen de ti e mellor sempre ben. E esa febre aparece dende a política local, provincial e demais estamentos que nos gobernan.
Pois ben, hai uns día o presidente da Xunta Don Alberto Feijoo afirmaba nos medios públicos que o cupo vasco pouco menos que lle quitaba a nosa terra unha ristra de millóns. E tamén dicía que, o goberno central dos seus compañeiros, debía premiar ás comunidades que forán cumpridoras cos recortes e topes económicos impostos polo Sr. Montoro.
E claro, despois de escoitalo un pensa que, o noso presidente, dispara foguetes de artificio para xustificar a súa pouca teimeza en defender con argumentos económicos sólidos a institución que goberna. E fai istas declaración para que pareza que fai sen facer ren; que nos defende sen facelo, ou que non chora, aínda que solta bágoas como se fora atacado. Esquece o noso presidente, que o Cupo vasco negócianno os vascos en base a dous criterios: o primeiro é o do pago polos servizos que reciben do Estado. O segundo e que cando negocian cren no seu pais, miran pola súa xente e deféndeno con sabedoría e tesón. E sabedores de que os votos do PNV son precisos para que o partido de Feijoo poida afrontar presupostos e outros asuntos, actúan en consecuencia.
E xa se sabe, o que está orgulloso do seu e o valora, e ademais ten a independencia do voto, ponno por riba da mesa e faino valer. E se non que lle pregunten os navarros que fan algo semellante pero están caladiños.
Por iso, falando de valores, querencias e necesidades, lembro cando dende os púlpitos nas parábolas os cregos din: hai máis ledicia no ceo cando un descreido cre e volve á casa de Deus, que cando milleiros dos crentes entran nel. E feijoo xa é un dos creentes. E está obrigado a acatar ás ordes dos xefes.
Queda claro, os votos do partido de Feijoo xa son propios do PP e están ben seguros. Iso é o que se paga polas franqicias. Por iso o Sr. Feijoo soamente pode lanzar ó vento frases para quedar ben. Frases demagóxicas como a de que, cos 225 millóns de euros que melloraron na negociacións os vascos, Galicia resolvería case todos os seus problemas. En fin, que, a día de hoxe, toda a xente que está nun posto político de certa importancia, precisa dicir cousas para estar na foto e xustificar que fai, aínda que maiormente as cosas que di sexan faroladas sen contido nin consecuencia positiva para os gobernados. Polo que, salvando as distancias no referido á educación e ó repeto que hai que ter polas institucións e as persoas, na política, a día de hoxe, hai máis Rufiáns ca un. Persoeiros que están dicindo o que non sinten ou contando medias verdades e que son mentiras a reo. Pero, o máis triste, é que os eliximos nós. E cando falan soio pretenden xustificar a súa submisión diante mos seus xefes, neste caso de Xénova, e a súa inutilidade como gobernantes. Ou sexa: falan por falar.