Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/03/2018 | Actualizada ás 19:12
A secretaria xeral de Podemos Galicia, Carmen Santos, limitou a súa vinculación a En Marea ao seu status de deputada do grupo parlamentario da organización rupturista; xurdido de, segundo Santos, "un acordo" con Podemos e outras forzas para se presentar ás eleccións autonómicas de 2016 baixo a fórmula xurídica de partido instrumental.
"Podemos é un partido político autónomo como defendemos sempre. Un partido instrumental é un partido instrumental para presentarse ás eleccións. Ese é o acordo ao que se chegou con Podemos nas eleccións de 2016. Somos leais ao que nos comprometemos", remarcou este luns a parlamentaria de En Marea nunha rolda de prensa na que afirmou non sentirse "aludida" polas críticas do histórico dirixente nacionalista Xosé Manuel Beiras.
As palabras de Beiras durante o plenario, onde chegou a censurar que exista "casta" dentro de En Marea e asegurou que os parlamentarios que renegan da organización rupturista "estafan" aos cidadáns que os votaron, tiveron eco ao longo da xornada deste luns no seo da formación que lidera Luís Villares.
Pola mañá, a coordinadora nacional de Esquerda Unida e deputada, Eva Solla, evitou pronunciarse sobre o conclave do pasado sábado —no que non estivo presente, como outras importantes figuras de referencia da órbita rupturista— e asegurou, do mesmo xeito que Santos, non sentirse aludida polas críticas de Beiras. Horas máis tarde, Villares tratou de rebaixar a tensión interna e remarcou que "está fóra de opinión" que os deputados do partido instrumental o son de En Marea, como reflicten "as actas".
"Eu son deputada de En Marea. Sempre dixen nas miñas declaracións públicas, en todas, sen excepción, que eu son deputada de En Marea no Parlamento", declarou a preguntas dos medios Carmen Santos que, a continuación, remarcou a súa "lealdade" e a do seu partido a "o que se acordou".
ELECCIÓNS DE 2016
Deste xeito, incidiu na "autonomía" de Podemos Galicia que, segundo a súa secretaria xeral, acordou presentarse aos comicios autonómicos de 2016 como "partido instrumental". "Ese é o acordo e se hai que facer algunha reformulación, verase no momento en que se teña que dar", apostilou.
Con todo, En Marea presentouse ás eleccións galegas baixo a fórmula xurídica de partido instrumental de afiliación individual e non como unha coalición de partidos, postura pola que apostaba a dirección de Podemos Galicia.
Esta configuración (partido instrumental e afiliación individual) foi aprobada na asemblea fundacional de En Marea, celebrada en xullo de 2016 en Vigo. O conflito, que estivo a piques de facer que Podemos Galicia concorrese en solitario ás eleccións, desbloqueouse no último momento coa intervención desde Madrid do líder do partido morado, Pablo Iglesias.
"Teño unha organización política que é Podemos e un grupo parlamentario que é En Marea. Síntome parte do proxecto que votaron os galegos para facer unha labor programática e para a xente no Parlamento", engadiu Santos.
"LEALDADE"
O pasado sábado, Xosé Manuel Beiras disparou contra Podemos e o seu líder, Pablo Iglesias, aos que acusou de "tratar mellor" aos deputados de Compromís que optaron por irse ao grupo mixto que aos parlamentarios de En Marea que decidiron integrarse no grupo confederal de Unidos Podemos ao serlles negada a posibilidade de articular un propio.
Segundo Beiras, Podemos, a nivel estatal, non está a tratar con "lealdade" as alianzas con outras forzas, algo que negou este luns a secretaria xeral da formación morada en Galicia. "Podemos sempre demostrou lealdade co que acordou. É a miña opinión e o sentir da organización", afirmou Santos.
"Creo que sempre fomos leais ao que nos trouxo até aquí. Seguímolo demostrando e ímolo a seguir mantendo, que é o que nos pide a xente", concluíu.
CONSULTA SOBRE AS MUNICIPAIS E EUROPEAS
Por outra banda, este mércores 21 de marzo ás 10,00 horas comeza a consulta de Podemos na que os inscritos decidirán se a organización morada se presenta ás eleccións municipais, autonómicas e europeas, e se desexan que a marca 'Podemos' figure nas candidaturas.
En Galicia están chamados a participar os 22.500 inscritos cos que conta o partido morado. As votacións pecharanse ao mediodía do domingo 25 e, un día máis tarde, o secretario de Organización estatal, Pablo Echenique, dará a coñecer os resultados.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.