Mais si repasas un chisco a historia dos pobos, deseguida atopas que ó preguntar como se vivía anos atrás, moitas costumes e tradicións foron cambiando ou caeron no esquecemento. As causas foron diversas, pois as comunidades humanas e os medios técnicos, así como os avances sociais, foron trocando, mellorando e modelando aquelo que se daba tempos atrás por inmutable. Polo que, moitas desas crenzas que deron lugar a lendas e diversas historias, pasaron a mellor vida ou o total esquecemento.
As sociedades por seren unha creación dos humanos están sometidas a unha constante evolución. Por iso, ningunha etapa da historia, por moi semellante que sexa, e igual que outra anterior.
Si hoxe saímos a rúa e preguntamos por tal o cual feito que leva varias xeneración repetíndose, escoitamos que é unha tradición que ten moitos anos e que hai que seguir respectándoa e repetíndoa, dado que é algo que nos distingue ou representa como comunidade. Mais esa visión un tanto pequena, cae polo seu peso si repasamos o que se facía en tal o cual século. Evidentemente hai tradicións que levan moitos anos repetíndose é que parécenos que xa forman parte da nosa existencia. Pero no tema das tradicións non todo vale e polo tanto en moitas delas non todo debe seguir igual eternamente.
A historia lémbranos que feitos que se consideraban leis ou normas inmutables no tempo, como a de deixar o reos axusticiados nas prazas públicas, ou mesmo o dereito de pernada na idade media, e moitos máis exemplos, tamén eran consideradas tradicións. Pode ser que, naqueles anos, acadarán tal rango por seren costumes que emanaban de leis que pretendían perdurar sempre.
Outras, como tirar a cabra viva dende o campanario, cortarlle a cabeza o galo colgado na festa do padroeiro ou, recentemente, a do touro de la Vega, poderían valer como exemplos do que non se debe seguirse facendo.
Pero a clave para entender que a tradición esta sometida á evolución, é aceptar que os seres humanos crean e reforman as sociedades. A vida en comunidade precisa normas e leis; e estas fanse en función do pensamento, medios técnicos, obxectivos e experiencias do momento presente. Polo que, a tradición como escusa para seguir facendo tal o cual cousa, non debera valer como xustificación absoluta. Que dende que nos lembramos sempre se fixo así, pode ser. Ou que tal costume está moi arraigada en tal o cual colectivo, pois tamén. Pero iso non é un argumento válido para que se manteña no tempo eternamente. A tradición hai que tela en conta, incluso respectala, pero sen darlle o valor de lei absoluta e de obrigado cumprimento. Por iso a tradición non pode xustificar todo. Tampouco pode ser o escudo para que costumes disparatadas e que van contra principios que hoxe forman parte do noso ordenamento xuridico se sigan mantendo no tempo.
Vivimos nunha sociedade plural, onde o poder político vive separado do poder relixioso. E xa vai sendo hora de que algunhas tradicións deban ser revisadas ou, no seu caso, eliminadas. Estamos nun tempo onde a sociedade é multicultural e tamén diversa no plano ideolóxico e relixioso. E as autoridades políticas deben actuar en consecuencia con tales pricipios. E neste Estado iso non acontece en institucións como o exército. Polo que, sería bo que, estas tradicións foran revisadas para pórse ó día coas leis e coa sociedade actual; e dunha vez se separe relixiosidade e política. Ver ós soldados do exercito e a lexión rendindo culto nas procesións non me parece acorde co que di a carta magna. E a xustificación da ministra Cospedal menos. Pois a tradición non pode ser escusa nin xustificar todo, e menos vulnerar a lei.