Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/07/2018 | Actualizada ás 13:55
O presidente da Deputación e do PP de Ourense, José Manuel Baltar, vai por libre. É o único dos grandes dirixentes do PP de Galicia que pode presumir de facer ante Alberto Núñez Feijóo o que lle pete e cando lle pete. A súa provincia apoiou masivamente á ex vicepresidenta durante a primeira volta das primarias fronte o "acordo" do resto do seu partido de apoiar a Cospedal. E, agora, volve a amosar públicamente o seu apoio por Sáenz de Santamaría, cando boa parte do seu partido en Galicia bascula cara a opción de Casado.
Baltar falou alto e claro amosando públicamente o seu compromiso por Soraya Sáenz de Santamaría. "Despois de escoitar aos dous candidatos, a miña opinión coincide coa maioría da militancia, que o día 5 de xullo apoiou a Soraya Sáenz de Santamaría", destacou nun acto en Ourense.
"Non pedirei o voto a Soraya Sáenz de Santamaría. Simplemente, manifesto a miña opinión. Este é un proceso onde a palabra liberdade ten que figurar con letras maiúsculas e cada un sabe moi ben, en razón ao seu criterio, o que escoitou dos candidatos e candidatas que viñeron a Ourense", sinalou aos medios de comunicación nun acto cultural.
POSICIÓN DIFÍCIL DE FEIJÓO
A súa decisión é unha labazada na cara do presidente do partido en Galicia xa que racha con esa suposta"neutralidade" da que presumía Feijóo durante esta campaña, a pesar de que os seus afíns apoiaron primeiro a Cospedal e agora se decantan por Casado.
Este xesto pode encumiar a Baltar dentro da política galega se a líder popular sae vencedora das primarias, e que non o vai prexudicar porque o presidente provincial de Ourense hai tempo que vai por libre dentro do PPdeG. Por iso, a diferencia dos demais baróns provinciais ou líderes do partido en Galicia non ten problema en falar alto e claro.
Unha estratexia moi diferente a de Feijóo. Primeiro, porque decidiu pechar a porta a presentarse á sucesión de Rajoy, sabedor de que dar ese paso sen ter garantizada a súa victoria podería deixalo moi tocado de cara ao futuro. E, segundo, porque despois de renunciar a facelo instalouse nunha calculada ambigüedade, a pesar de que todo o seu entorno ten, desde o primeiro momento candidatos claros.
Así se demostrou na primeira volta, cando en Lugo, A Coruña e Pontevedra venceu Cospedal, a "preferida" da dirección do PPdeG, e cando entre os candidatos da segunda volta hai moitos dirixentes que se decantan por Casado tras o pacto con Cospedal. O propio secretario xeral do PPdeG apareceu no velorio do ex presidente Albor acompañando a Casado e non a Saénz de Santamaría que acudíu sen ningún apoio da dirección popular e acompañada de dous ex ministros.
A propia ex vicepresidenta é moi sabedora dos apoios que ten en Galicia. Xa na campaña antes da primeira volta das primarias, durante a súa visita a Ourense, proclamou que quería gañar "como gaña Baltar".
PARTIDO "MÁIS FORTE"
En calquera caso, José Manuel Baltar subliñou que, "gañe quen gañe", o Partido Popular sairá "máis forte" e "capaz de recuperar o goberno da nación" do que a súa formación foi privada "por un pacto 'antinatura' cunha única pretensión: desaloxar ao PP do poder".
Así, a catro días da celebración do congreso do PP, o presidente da Deputación de Ourense engadiu que o seu voto é "un máis, como o das máis de 3.000 persoas de toda España" que comparecerán en Madrid durante os próximos días.
Galicia contará na cita congresual do venres e do sábado con 327 compromisarios, 279 deles electos, e repartidos da seguinte forma: 84 de Pontevedra, 78 da Coruña, 73 de Ourense e 44 de Lugo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.