Feijóo négase a dicir se apoia a Sáenz de Santamaría ou Casado

O presidente da Xunta e do PPdeG preguntará aos presidentes das catro provincias galegas para coñecer a opinión da "maioría" dos compromisario.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/07/2018 | Actualizada ás 14:09

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta e do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, preguntará aos presidentes das catro provincias galegas para coñecer a opinión da "maioría" dos compromisarios galegos, pero evitou aclarar se el dará a coñecer antes do Congreso desta fin de semana a quen apoiará.

Feijóo antes dun acto na Cidade da Cultura este mércores
Feijóo antes dun acto na Cidade da Cultura este mércores | Fonte: Europa Press

Preguntado directamente por voces que apuntan a que Pablo Casado conta co seu apoio, desmentiuno e dixo que sería unha falta de "respecto" que un dirixente utilizase a súa posición "preeminente" para prefixar ou condicionar a opinión dos delegados.

Con todo, este martes, o presidente do PP de Ourense, Manuel Baltar, anunciou o seu apoio á ex-vicepresidenta do Goberno, Soraya Sáenz de Santamaría, que visitou o luns Pontevedra e Santiago e anunciou que, se gaña o Congreso popular, abrirá o curso político en Galicia, cada ano nunha provincia.

Mentres os prazos corren, apuráronse os contactos e o pasado luns a ex-secretaria xeral do PP, María Dolores de Cospedal, que quedou fóra da contenda na primeira volta pero a quen a militancia galega apoiou de forma maioritaria, deu o seu respaldo expreso para Pablo Casado.

Precisamente, o exvicesecretario de Comunicación do PP dixo este mércores que no seu proxecto "cabe todo o mundo", incluída Soraya Sáenz de Santamaría, e afirmou que o presidente do PPdeG e da Xunta é unha "referencia imprescindible" e ten que ter un "papel nacional relevante".

Ademais, este martes Casado e Santamaría reuníronse na sede do PP en Madrid durante uns 40 minutos, pero dese encontro non transcendeu ningún acordo. En días pasados, Feijóo mostrouse partidario da unidade, aínda que matizou que podería chegar nas vésperas ao conclave ou inmediatamente despois da fin de semana congresual.

"FALAR COS PRESIDENTES"

"A miña obriga é falar cos presidentes provinciais do meu partido en Galicia e que, despois de contactar cos compromisarios, me digan o que os compromisarios lles concretan e refiren", manifestou en declaracións este mércores, nas que non se pronunciou sobre o apoio explícito que xa trasladou Baltar a Santamaría, quen, non en balde, gañou na primeira volta nesta provincia.

Así, Feijóo apelou a que contactará coas provincias coa "tranquilidade e o acougo que merecen estas cousas". "O importante é que o sábado teñamos un novo líder no Partido Popular e xa anticipo que Galicia se vai pór á orde que o conxunto de compromisarios e congresistas en urna, decidan quen vai ser o noso novo líder ou lideresa", adiantou.

O dirixente, que este martes estivo en Madrid para reunirse co presidente do Goberno, insistiu en que "non hai ningunha novidade" do até agora dito e insistiu en que en dous días se poderá coñecer a opinión maioritaria dos compromisarios. En urna na primeira volta, gañou María Dolores de Cospedal na media galega e en tres das catro provincias (A Coruña, Lugo e Pontevedra), mentres que Casado quedou situado como segundo máis votado e Santamaría venceu en Ourense.

SOBRE PABLO CASADO

Neste escenario, e preguntado sobre as voces que apuntarían que el pediría o voto para Pablo Casado, Feijóo dixo "non é certo". "Non é certo porque, en primeiro lugar, paréceme unha falta de respecto que eu lle pida algo a alguén. O que si vou escoitar o que os compromisarios me queiran dicir e o que si é que imos ser moi respectuosos coas decisións dos compromisarios", contestou.

Feijóo quixo destacar que este partido é "democrático, adulto e responsable". "E por tanto, non me parece que un dirixente autonómico, ou outro dirixente, deba utilizar a súa preeminencia no cargo para influír, para determinar e para presionar a ningún compromisario", salientou o presidente dos populares galegos, que na campaña interna da primeira volta do proceso interno recibiu os seis aspirantes a presidir o PP.

"Non o fixemos así na primeira volta, non o imos a facer así agora. O que si quero saber é a maioría dos compromisarios galegos, dos compañeiros e compañeiras que van ao congreso, cal é a súa opción. Iso si que me interesa sabelo", remarcou Feijóo.

"E diso voume a decatar entre o día de hoxe e o vindeiro venres", reiterou Feijóo, quen preguntado por se o día antes do congreso se coñecerá o seu voto, contestou que o que se poderá saber é "o que vai votar a maioría dos compromisarios galegos".

Os delegados galegos son os terceiros máis numerosos de todo o Estado, con 279 delegados elixidos nas urnas, despois de Andalucía e Comunidade valenciana.

A este dato hai que sumar 48 membros natos no Congreso, que se corresponden co propio Feijóo, os presidentes provinciais , o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, os alcaldes das capitais de provincia —neste caso Ourense, Jesús Vázquez—, e todos os integrantes do comité executivo nacional, así como senadores e deputados do Congreso e eurodeputados.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta