Cargos do PPdeG manifestan as súas preferencias a través de Twitter, onde leva vantaxe Casado

Rueda retuitea a mensaxe de apoio de Calvo e doutros populares de Pontevedra a Casado, mentres Baltar reafirma o seu respaldo a Santamaría

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/07/2018 | Actualizada ás 13:48

Comparte esta noticia

A rede social Twitter converteuse nas últimas horas na vía empregada por cargos do PPdeG para manifestar as súas preferencias para o congreso que elixirá ao sucesor de Mariano Rajoy, unha batalla nas redes na cal Pablo Casado leva, polo momento, vantaxe numérica en canto aos populares galegos que decidiron apoialo.

Pablo Casado e Soraya Sáenz de Santamaría
Pablo Casado e Soraya Sáenz de Santamaría | Fonte: burgosconecta.com

O cargo máis destacado que nas últimas horas desvelou en público a súa preferencia por Casado é o presidente do PP da Coruña e vicepresidente do Parlamento galego, Diego Calvo, quen publicou un tweet no que proclama: "Crecín no @PPopular. Pegado carteis, repartido publicidade, celebrado vitorias e lamentado derrotas. Creo na renovación continua, no feito e no que queda por facer. Quero sumar, seguir ilusionándome. Por iso, votarei a @pablocasado".

Pero non é o único presidente provincial do PP en Galicia que xa se decantou en público por un aspirante, xa que o seu homólogo de Ourense, José Manuel Baltar, xa apoiara este martes a Soraya Sáenz de Santamaría, aínda que matizou que deixará "liberdade" aos compromisarios desta provincia.

Este mércores sumou un novo tweet de apoio a Soraya Sáenz de Santamaría. "Felicítoa pola súa campaña en positivo, actuando "a favor" e nunca "en contra" de ninguén. ACTITUDE. Recoñézolle autoritas, potestas e dignitas...un cursus honorum que debe seguir ampliando polo ben de España. Formación, preparación, xestión..FUTURO. Eu con @Sorayapp", publicou a tarde do mércores o tamén presidente da Deputación de Ourense.

No entanto, outros populares da súa provincia decantáronse nesta mesma rede social por Pablo Casado, como os deputados no Congreso Ana Belén Vázquez Blanco e Celso Delgado. Si secundou a opinión do seu presidente provincial a favor de Santamaría o deputado no Congreso Miguel Ángel Viso.

PONTEVEDRA

Pola súa banda, o presidente do PP de Pontevedra, Alfonso Rueda, preferiu retuitear tanto o pronunciamiento expreso a favor de Casado do seu homólogo da Coruña, como os apoios ao exvicesecretario de Comunicación do PP da portavoz popular no Concello de Vigo, Elena Muñoz, do presidente do PP da cidade do Lérez, Rafael Domínguez, e do predecesor deste, Jacobo Moreira.

Pero tamén da provincia de Pontevedra, a deputada no Congreso e expresidenta do Parlamento galego, Pilar Rojo, persoa do círculo de amizades de Mariano Rajoy, decidiu apoiar a Soraya Sáenz de Santamaría no vídeo #ahoraunamujer.

LUGO

Polo momento non se pronunciou publicamente a presidenta do PP de Lugo, Elena Candia, pero o deputado por esta provincia Jaime de Olano optou por Pablo Casado e mesmo colgou en redes un vídeo no que destaca que aos populares failles falta "recuperar a ilusión" e que esta a representa o exvicesecretario de Comunicación.

Outros cargos do PP que se pronunciaron a tarde do mércores en redes a favor de Pablo Casado son o membro do Comité Executivo Nacional do PP Javier Dorado ou a portavoz do PP no Concello da Coruña, Rosa Gallego. Quen mantén a incógnita da quen apoia, polo menos de forma oficial e en público, é o presidente do PPdeG e da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen este mércores explicou que, de aquí ao venres, sondará aos presidentes provinciais para coñecer a quen apoia a "maioría" dos compromisarios galegos no congreso.

Con todo, non quixo precisar se desvelará o seu apoio particular e, é máis, manifestouse en contra de empregar a condición de "preeminente" como presidente para influír ou condicionar o apoio dos compromisarios, que votan segredo en urna. Iso si, preguntado sobre as voces que apuntan a que el xa pide o voto para Pablo Casado, Feijóo desmentiuno. "Non é certo porque, en primeiro lugar, paréceme unha falta de respecto que eu lle pida algo a alguén. O que si, vou escoitar o que os compromisarios me queiran dicir e o que si é que imos ser moi respectuosos coas decisións dos compromisarios", respondeu.

En calquera caso, existe unha conta en Twitter coa designación @GaliciaConCasado que ten 1.344 seguidores e na que se fai eco dos apoios públicos que este político vei reunindo nesta comunidade na súa pugna con Sáenz de Santamaría. Galicia contará na cita congresual do venres e o sábado con 327 compromisarios, 279 deles electos, e repartidos da seguinte forma: 84 de Pontevedra, 78 da Coruña, 73 de Ourense e 44 de Lugo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta