Así, mentres na cidade olívica, o Sr. Caballero agudiza a linguaxe do viguismo contra Xunta e amósase cabreado, e pouco menos que insultado e menospreciado polo presidente da Xunta, logo cámbia de discurso e presenta o alumado do Nadal falando de competir coas cidades do mundo mundial. E pra iso quere encher Vigo con tantos millóns de puntiños de luz que superará a Londres e outras cidades neste asunto. Vamos que, segundo dixo, isto será o non vai máis.
Cousa ben diferente aconteceu o sábado pasado en Ourense, onde Feijoo, presentando a Jesús Vázquez, dixo que temos o mellor alcalde de Galicia. E que o futuro que nos espera ós ourensáns está cheo de cousas moi boas que se materializarán nos próximos anos.
O importante, dicía un comerciante é vender ben o xénero. E eiquí o importante é promocionar como sexa á persoa; iso si, falando, como se dunha relixión se tratara, de promesas a futuro que maiormente quedan en fume. Pero crean ilusións de ter cousas boas que nos farán máis felices e iso anima.
Mais o certo é que, no caso de Ourense, pouco, ou máis ben nada hai que presentar como positivo do acadado nestes catro anos de goberno dos populares. A desvalorización e o deterioro da vida municipal na cidade das burgas é tan evidente que tardarase tempo en recuperar o que se perdeu. Pois, se no haber dun goberno que non presenta en tres anos un presuposto e xustifícase culpando á oposición de pór paus nas rodas, non hai nada mais ca iso, todo semella que a falla de decisión política, e o medo a perder a alcaldía foi o obxectivo final do mandato. Ou sexa: os intereses partidarios e persoais por riba dos intereses colectivos dos cidadáns. Feijoo, e o xefe provincial arrouparon sen remilgos a idea de promocionar a unha persoa e vender un produto imaxinario que demostrou que non ten cintura de alcalde. Pero, nestas postas en escea, trátase de convencer á parroquia. Logo, o demais, xa se verá. E mentres, o concello sigue cunha morea de servizos na corda floxa ou en precario; sigue sen PXOM, cando xa estaba aprobado inicialmente. Sigue coa cultura polo chan; sigue cos parques e xardíns desfeitos e sucios, e así poderíamos seguir e seguir enumerando problemas. E por enriba, como somos moi tranquilos, tragamos con proxectos de obriñas desmellorados feitos pola Xunta.
En fin, cousas veredes. En Vigo, antes de rematar o verán xa andan a poñer o alumado de Nadal e o alcalde farolea e farolea case chegando ó ridiculo: Vigo será o centro do mundo. Mentres en Ourense o Sr. Vázquez culpa á oposición das súas propias debilidades e medos, coa única intención de manterse na poltrona do concello.
Cousas verdes.