"Non hai ningunha ameaza xihadista a Galicia"

Pedro Baños Bajo, ex-xefe de Contraintelixencia do Exército Europeo, advirte de que “España é un obxectivo histórico” do terrorismo xihadista, pero recoñece que “non hai unha reivindicación especial para recuperar Galicia".

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 21/10/2018 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Pedro Baños Bajo, ex-xefe de Contraintelixencia do Exército Europeo, especialista en terrorismo xihadista, e colaborador do programa de televisión 'Espejo Público' (Antena 3) asegura que “España é un obxectivo histórico”, se ben recoñeceu que “non hai unha reivindicación especial para recuperar Galicia, non hai ningunha ameaza directa”. Porén, Baños advertiu de que “aquí está Santiago de Compostela, que podería chegar a ser un obxectivo por ser un dos cinco lugares sagrados e de peregrinaxe da cristiandade”.

Xihadista en Siria
Xihadista en Siria | Fonte: periodistadigital.com

O experto fixo estas declaracións na súa charla "La amenaza, en España, del terrorismo yihadista”, no I Congreso Internacional de Criminalística Aplicada, que ten lugar esta fin de semana en Noia, organizado polo Instituto Internacional de Criminalística Aplicada (INICA) en colaboración co Concello de Noia e a Sociedade Liceo de Noia, onde teñen lugar os relatorios.

Sobre España, Baños explicou que “somos un obxectivo histórico". "Francia, Reino Unido ou Estados Unidos son obxectivos militares porque están en guerra con eles. Pero para os salafistas xihadistas nós somos os ocupantes e son eles os que nos teñen que expulsar do seu territorio”.

Así, apuntou que durante 2016 houbo 56 referencias a España por parte dos grupos terroristas, cifra que foi de 30 entre agosto de 2017 e xuño de 2018. Así mesmo, asegurou que “a zona máis preocupante de España é Cataluña, con datos obxectivos".

Esta foi unha das conclusións ás que o coronel Pedro Baños chegou despois de remontarse e detallar as orixes do Islam, pois “é importante entender a historia para entender o mundo actual”. Neste sentido, apuntou que “Turquía empeza a ser preocupante polo rigorismo que se está expandendo polo país” e sinalou que “Arabia Saudí decapita a duascentas persoas cada ano en público, que non se nos engane porque agora estamos vendo até onde poden chegar”.

Neste sentido, sinalou que “o Islam non é só unha relixión, é un movemento político". "O terrorismo é só unha parte. A mín preocúpame a parte política, á que non se presta a atención debida”, dixo. De feito, explicou que os terroristas “buscan símbolos". "O número de mortos é irrelevante, o importante para eles é a simboloxía”, engadiu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Ártabro

Galicia nunca pertenceu aos musulmáns. Polo tanto estes non teñen nada que recuperar. Pedro Baños non coñece a historia de Galicia e como falar non ten cancelas...