Por X.M. Fernández | Santiago de Compostela | 15/11/2018 | Actualizada ás 21:00
O Santiago (é)Tapas, que transcorrerá entre o 15 de novembro e o 2 de decembro, convídanos a percorrer os 68 locais participantes para gozar das súas mellores creacións gastronómicas.
A novidade máis destacada deste ano é a gran final que nace cun dobre obxectivo, darlle ao público a posibilidade de probar e valorar as tapas que o xurado considera as dez mellores do evento, e servir de atractivo turístico; a final do concurso pode promoverse coma un evento en si mesmo, con capacidade para a atraer a público foráneo aproveitando a ponte que terá lugar nesas datas.
O público pode votar a súa tapa preferida nos pousavasos especiais do concurso que lle serán entregados coa consumición. Unha vez cubertos terán que depositalos nas urnas do concurso presentes en todos os restaurantes e bares participantes. Ademais de degustar a tapa, o público tamén pode recomendar e obter premio grazas ao concurso PREMIO (É)TAPAS+, concurso que este ano sufriu algún cambio para que sexa máis dinámico e participativo a través das redes sociais. O premio está aberto a calquera persoa ou colectivo que o difunda empregando Facebook e/ou Instagram acolléndose sempre ás bases establecidas. O premio será de 700 euros.
A organización comunicará publicamente o día 3 de decembro o listado destas dez tapas, escollidas por un xurado profesional e a gran final celebrarase do 7 ao 9 decembro. Os establecementos con tapas finalistas teñen a obriga de ofrecer durante estes tres días a súa tapa ao público. A elección das tapas gañadoras entre as finalistas farase unindo a valoración do xurado profesional e o voto popular emitido durante os tres días da final.
Outra novidade interesante desta edición ten que ver coas indicación aos establecementos. Dáselle liberdade aos locais participantes para que fixen o prezo das súas tapas a concurso a partir dun mínimo de 1,5 euros e cun máximo de 3,5 e todas as tapas deben incluír polo menos 1 produto pertencente a algunha das Denominacións de Orixe ou Indicacións Xeográficas Protexidas de Galicia.
En canto á distribución dos premios, haberá un primeiro dotado de 1.000 euros, un segundo dotado con 500 e un terceiro de 500 euros en produto. Ademais, este ano o público participante premiará directamente cos votos emitidos entre o 15 de novembro e o 2 de decembro a dúas tapas. A primeira "tapa do público" levará 700 euros e a segunda 300.
Por cuarta edición consecutiva Santiago (é)Tapas está organizado conxuntamente por Turismo de Santiago e a Asociación Hostalaría Compostela, nun modelo de coparticipación entre o Concello e o sector privado da cidade.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.