Primeira denuncia nos xulgados contra as primarias de En Marea

Manuel Nogueira, membro da Comisión de Garantías e crítico coa dirección do partido, asegura que as votacións poderían ser "ilegais" ao non contar cunha empresa independente que vele pola súa limpeza

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/12/2018 | Actualizada ás 14:01

Comparte esta noticia

Manuel Nogueira, membro da Comisión de Garantías e crítico coa dirección de En Marea, presentou unha denuncia no Xulgado de Instrución Número 3 de Ourense ante a existencia de presuntas irregularidades durante o proceso de primarias do partido instrumental. Asegura que o feito de que non se contase coa supervisión dunha empresa externa converte en "ilegal" todo o proceso, concluído o pasado luns con vitoria da lista do actual portavoz, Luís Villares; uns resultados que a candidatura perdedora non recoñece.

Manuel Nogueira, membro crítico da Comisión de Garantías. EN MAREA CARBALLIÑO
Manuel Nogueira, membro crítico da Comisión de Garantías. EN MAREA CARBALLIÑO | Fonte: Europa Press

No escrito, ao que tivo acceso Europa Press, Nogueira relata que a coordinadora do partido, a través dun documento, informou o pasado 19 de novembro á Comisión de Garantías de que a asociación Openkratio estaba contratada para actuar como "autoridade independente" para auditar o proceso de votacións. 

Porén, na súa denuncia, Manuel Nogueira reclama que se "depuren responsabilidades" dado que ten "constancia de que non existe contratación" da devandita entidade auditora e que, polo tanto, "entende que todo o proceso é ilegal ao non estar supervisado por unha empresa externa e ir en contra dos acordos plenarios (de En Marea)". Segundo expresa, pode constituír "un delito e ir contra a lei de partidos políticos".

Isto ocorre logo de que Garantías, no que os afíns á dirección de Luís Villares teñen maioría, acordara levantar a suspensión temporal que pesaba sobre o proceso de primarias. Após esta decisión, o comité electoral fixou para o día 22 o inicio das votacións. No entanto, Openkratio decidira non continuar actuando como auditora de En Marea, tarefa que desempeñaba até a pasada semana.

Segundo fontes da asociación consultadas por Europa Press, Openkratio deu un paso a un lado ao ser cambiada a plataforma de voto telemático, polo que non quixo operar como auditora no proceso de primarias ao non ter tempo para coñecer o novo sistema e, por tanto, desempeñar as súas funcións.

PRIMARIAS

A candidatura 'Coidando a Casa' liderada por Luís Villares venceu nas primarias de En Marea ao lograr case o 60% dos votos fronte ao 40% obtido pola lista do sector crítico, 'Entre Todas', encabezada por David Bruzos.

Así o reflicten os resultados provisionais que, á espera da proclamación definitiva, arroxan unha clara vitoria da lista do actual portavoz, que logrou 1.596 votos polos 1.098 da candidatura dos críticos, integrada por Podemos, Anova, EU e as mareas de Santiago, A Coruña e Ferrol.

Deste xeito, cunha participación do 58% dos arredor de 4.400 inscritos da organización, a lista de Villares copa 21 dos 35 postos do Consello das Mareas, máximo órgano de dirección entre plenarios do partido instrumental. Así mesmo, 'Coidando a Casa' tamén logra a totalidade do cinco postos da Comisión de Garantías.

Minutos despois de coñecerse os resultados das votacións, a candidatura perdedora emitiu un comunicado no que poñía en dúbida a limpeza do proceso de votación e reclamaban "unha auditoría independente" ante "indicios claros de falta de imparcialidade".

Pola súa banda, na rolda de prensa na que se informou aos medios sobre o resultado das votacións, Daniel Conde, membro do comité electoral e afín a Luís Villares, sinalou que as votacións serán auditadas por unha "entidade pública" de "recoñecido prestixio".

Segundo o calendario previsto, este mércores deberían coñecerse os resultados definitivos das primarias, aínda que o sector crítico está disposto a seguir adiante coas súas reclamacións e xa avanzou que un perito informático está a elaborar unha auditoría ante a suposta existencia de "graves fallos" de seguridade no sistema de votacións.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 9 comentarios

1 Gamelín

Esixen adiantar o plenario tratan de amañar a votacion logo esixen que se fagan as votacions canto antes, perden e moi ben perdidos e agora van aos xulgados. Quen entende a esta xente. Era moi exceptico con Villares pero agora non teño dubidas ningunhas. Adiante En marea, adiante Villares

1 Gustaaf

Este é o mantra dos villaristas-cernistas: "tratan de amañar a votación". Para demostralo, disque fixeron "unha auditoría", que só a coordenadora (unha parte dos que ían ás eleccións) sabe cal foi, quen a fixo, qué dixo...pois non se deu a coñecer nen á parte contraria. E agora, unhas eleccións sen que unha empresa paralela e externa á que as fai garanta a limpeza. Porque todas as votacións telemáticas dispoñen desta garantía. Porque, se non, ninguén priva de que se poña un 60%, 57 ou 72% a priori e nin dios pode saber si é certo ou non. Así que pedir agora unha auditoría (con empresas ou entidades coñecidas, que o máis seguro é que determinen que o sistema non ofrece nen a mínima seguridade de non manipulación), agora está mal. Pero a primeira vez, ben?