Nesta sociedade líquida, e polo tanto inestabel, o mundo da política ofrece un amplo abano de contrariedades que amosan os renuncios que determinadas forzas fan co único obxectivo de chegar a gobernar. Polo que queda claro que, acceder ó poder ten unha grande capacidade de modulación entre o que se dicía e o que logo se fai.
Non hai moitos meses os membros e directivos do Partido Popular chamábanlle ocupa e outras lindezas o actual presidente do goberno. Dicíanlle cousas moi grosas e reprochábanlle que nunca gañara unhas eleccións. Hai xa bastantes anos, no Parlamento galego, tres deputados do BNG eran expulsados da cámara por non xurar a Constitución. E catro anos máis tarde, sen modificar o regulamento da mentada cámara, prometían por imperativo legal acatar a carta magna e así podían exercer como membros desa institución galega.
Iste recordatorio ven a conto pois, todo aquelo que predicaban tanto PP como Cidadáns, e que foi motivo dunha foribunda crítica contra o actual presidente do goberno, chegado o momento de acceder ó poder en Andalucía quedou esquecido, pois fixeron totalmente o contrario do que se mofaron e esixiron con tanta verborrea.
Primeiro chegaron a un acordo pra formar unha maioría iso si, esquecendo que perderan as eleccións e impedindo gobernar a lista máis votada. Iso é legal, pois si. Máis a contrariedade é evidente pois predicaban e querían o contrario. Pero lembremos a frase repetida como un mantra que dicía: que goberne a lista máis votada. E pra blanquear a entrada dos chamados patriotas de Vox e que estes non tiveran que xurar por imperativo legal, modificaron o regulamento e permitiron un xuramento que esquecía respectar o Estatuto andaluz. Logo xuraron por España.
Cousas veredes o mesmo partido en Galicia aplicou unha vara de medir moito máis dura que en Andalucía.
Pero as hemerotecas están para lembrar e amosar os renuncios que tamén fan as forzas da dereita con tal de amarrar o poder. Forzas que foron e son moi belixerantes con uns e moito menos cos inimigos da democracia.
O raposo do conto inicial, trataba de convencer ó galo co conto e a verborrea de que hai leis que nos mandan levarnos ben. E que il ía cumplilas. Mais o galo, non se fiaba e facía ben póndose en sitio seguro. Pois o raposo sempre engana. E algo semellante acontece coa dereita patrioteira que hoxe hai.
En fin, cando a aplicación rigurosa da lei pode frear a chegada ó poder dos seus, a dereita muda o discurso e todo o que dicían queda esquecido, pra facer o que máis convén en cada momento.