Por iso, todas as administracións sempre marcan metas novas que, ás veces, son acadadas, pero sempre son un punto a referenciar.
Mais, despois de escoitar o silenzo das autoridades políticas locais e provinciais, e de escoitar ó presidente da Xunta no discurso de fin de ano, tanto en San Caetano como en Ourense provincia e tamén no Concello, non hai nada que acadar e por iso tampouco hai obxectivos nin metas. Se a caso, como din os máis vellos, o asunto é ir tirando e seguir como se poida.
Empezarei pola Xunta onde o presidente, diante un cadro moi simbólico de Castelao, mentando o ilustre rianxeiro e tamén a Alexandre Boveda, pra darse un tinte galeguista, adicouse a falar soamente de Cataluña. E esqueceu na súa totalidade mentar os problemas galegos así como os obxectivos a acadar para o novo ano. Nada se falou da sanidade e os seus problemas, nin do paro, nin do Ave, nin da carestía das peaxes, nada de nada. Pola contra, esqueceu que Galiza estase desertizando humanamente; de que o rural esmorece e que somos unha nacionalidade histórica en decadencia permanente.
Achegándonos un chisco á nosa provincia, seguimos co mesmo guión. Ourense enceta un ano máis camiño da despoboación e de ir fenecendo dunha maneira alarmante. Nada novo hai para presentar nin feito nin como meta, se a caso cousiñas para dicir que se fai sen facer ren. Todo está esmorecendo como dí parte do texto da cantiga Ourense no solpor de Manuel de Dios. Mentres a provincia cada ano que pasa semella un grande ermo onde hai moitos xabaríns, monte a esgalla, terras en barbeito e pouco máis.
E que dicir do noso Concello. Pois iden de iden. O alcalde sigue a facer fotos, saír nas redes sociais aplaudido sempre polos seus, mentres na cidade o pequeno comercio pecha por defunción; e tal como empezou o mandato rematamos cos mesmos problemas que había hai catro anos.
Pero o máis grave de todo iste panorama é que a sociedade segue aterida e sen reaccionar. As chamadas forzas vivas están agochadas e soamente serven para apludir cando os chaman. Polo que, a conformidade e a aceptación de que imos a menos, instalouse na nosa vida.
E diante tan importante dilema, ¿Que fan os nosos deputados en Madrid e San Caetano onde poden condicionar cos seu votos o rumbo da politica galega e en especial a de Ourense? Pois ren. Todos caladiños.
Agora entendo a razón de que haxa cargos políticos importantes que queiran presentarse en dúas listas á vez para asegurar o posto. Si, para un concello e para as Europeas. Polo que demostran que o importante é amarrar o posto. O demais nada de nada.
En fin, como conclusión: o presidente Feijoo fala dos demais e esquece os problemas e metas dos galegos. E os demais andan a velas vir. Iso si, máis precocupados polo seu futuro que polo dos cidadáns. Isto é o que hai.