Por Manuel H. Iglesias | Ourense | 17/09/2011
A Hidrográfica do Norte estaba moi lonxe para nós e todo indicaba que habería un cambio de rumbo; que todo serían avances para restaurar o medio natural, ás veces tan esquecido e sometido ao desleixo das institucións. Pois ben, no período de tempo que leva en marcha este novo organismo, poucas novidades importantes se deixaron ver no coidado destas canles naturais. E porei varios exemplos denunciados pola plataforma Ríos Limpos e outras organizacións ecoloxistas. A saber: vertidos fecais no Pereiro que van a parar ao embalse de Cachamuíña, encoro que nutre á urbe de auga. Vertidos ao Miño (regato de Vistafermosa debaixo da entrada centro da A 52), vertidos ao embalse das Conchas e a situación calamitosa do Barbaña dende Noalla ate a desembocadura no Miño, todo como consecuencia dos vertidos industriais incontrolados das zonas industriais.
Nin que dicir que, moitos cidadáns sentímonos totalmente frustrados diante a pasividade e falla dunha política seria que vaia camiño de facer valer a lei e que trate de solucionar estes anacrónicos problemas que tanto dano lle fan ao medio natural.
Á veces penso que a Confederación está soamente centrada en grandes obras e que é totalmente inoperante na labor policial e sancionadora para resolver pequenas cuestións que alarman aos cidadáns. Porei como exemplo a dos vertidos ao Miño no paseo das Ninfas, baixo o acceso central da A-52. Paseo que percorren diariamente cantidade de ourensás e visitantes que ven, con verdadeiro asombro, como un regato de augas putrefactas entra no Miño deixando tras de si un regueiro de merda para orgullo das nosas institucións e de todos os ourensás.
E a pregunta resulta inevitable: ¿Onde están esas organizacións públicas que teñen que velar e preservar o medio natural? ¿Onde están as sancións por verter ao río desta maneira? ¿Onde está a eficacia da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil?
Persoalmente creo que o tema dos vertidos denunciados é un asunto que no fondo require vontade para resolver un problema que está ben á vista. Un problema que coido que non debe ser moi custoso arranxar.
Somos o pais das lexislacións que logo nunca se aplican e menos se cumpren. Somos, en moitos aspectos, un pais incívico gobernado por organismos ineficaces que si desaparecen case non se notaría a súa ausencia. Pois, a día de hoxe, a súa presencia como autoridades das augas pasa case inadvertida. En fin, temos un organismo publico que ten por obriga velar pola saúde dos ríos e regatos; que ten a obriga de permitir o acceso aos ríos impedindo que se pechen as fincas ate a mesma canle; que ten a obriga de controlar as depuradoras e os vertidos de todo tipo que van parar ao cauce, etc. Pero iso non se controla. Remato: se temos un organismo para coidar e mellorar os dous grandes ríos galegos e os seus afluentes, é necesario que funcione e que se vexa, pois a realidade que se percibe a día de hoxe é a contraria.