Por Manuel H. Iglesias | Ourense | 21/09/2011
Por tal motivo e pensando en clave de futuro, o Partido Nacionalista Galego (PNG-PG) do inesquecido Xosé Rodríguez Peña (Pepe Peña para os amigos) lanza unha mensaxe conciliadora e de apertura, para tratar de conectar cos sectores sociais que aspiran que Galicia teña unha política de seu que lle dea contestación aos problemas reais dunha sociedade moderna, dinámica, plural e aberta como a día de hoxe é a nosa.
Para acadar tal cometido o PNG-PG afirma que este pais ten que acadar a complicidade dunha maioría social que dende unha óptica galega teña unha posición preponderante que lle poña solución os problemas reais das nosas xentes. Por iso, resulta esencial, escoitar aos cidadáns, a esa Galicia real, a Galicia activa conformada polos diferentes sectores produtivos: aos grandes, medianos e pequenos empresarios, aos autónomos, aos asalariados, as profesións liberais, a todos os membros que conforman esta sociedade. Temos a día de hoxe un pais que está a soportar un dos maiores niveis de paro de todo o Estado. Somos a comunidade máis castigada coa emigración dos nosos mozos e mozas cara países europeos. Capital humano ben preparado que non atopa traballo na súa terra.
Temos cantidade de aldeas e pobos desertos ou a piques de morrer no abandono. Isto como consecuencia de políticas de decenios deliberadamente erradas. Temos un sector primario comido polo ermo, froito de políticas que agora reflicten a súa cara máis negativa. E que evidenciou que cando os nacionalistas tiveron a responsabilidade de goberno, con imaxinación e medidas políticas activas centradas no país, pódese, a pesares das dificultades, saír desta nefasta situación. A mensaxe que tanto a dereita e a esquerda estatal fixeron calar de que somos un país subsidiado, é falsa. Galicia ten un potencial inmenso que só está agardando políticas acaídas que o fagan evolucionar positivamente.
Vivimos nunha época de recesión económica mundial, onde os recortes sociais ameazan sectores básicos como a sanidade e o ensino. Vivimos tamén, nunha época de recesión no político, pois parece que as Comunidades Autónomas son o principal problema do Estado, cando foron o motor do desenvolvemento dunha España centralizada soamente nos polos industriais tradicionais. Nese senso, nos entendemos que modificar o Estatuto para adaptalo aos tempos e a realidade social dende unha óptica Galega é algo imperioso e necesario.
E para tal concurso o Galeguismo e o nacionalismo galego ten que afacerse á idea de que, soamente cunha visión moi ampla, de altas miras, non sometida a ideoloxías importadas e fracasadas, ideoloxías de países que optaron finalmente polo modelo político occidental como o mellor sistema, poderán solucionase os problemas desta sociedade. En fin, o PNG-PG quere presentarse ante Galicia cunha mensaxe de esperanza; unha mensaxe positiva; unha mensaxe aberta para, entre todos, amosar a cara dinámica, tolerante e universal dun nacionalismo, radical na defensa desta terra e das súa xentes, pero conciliador, solidario cos pobos do Estado e creativo que fuxa dos dogmatismos ideolóxicos e que traballe para solucionar os problemas dunha sociedade que quere acadar un futuro mellor para todos os homes e mulleres que a habitan.