Por Manuel H. Iglesias | Ourense | 07/10/2011
Eran o símbolo do noso poder económico e moitas cousas máis. Aparecían diante a sociedade como entes que, ao contrario dos bancos que soamente ían na busca dunha rendabilidade económica sen un fondo social, tiñan unha función propia dentro da nosa terra e, polo tanto, eran entidades necesarias para cumprir os fins reseñados. Eran as dos créditos para os autónomos e as pequenas empresas; eran as que gardaban os cartos de milleiros de pequenos aforradores, e ate parecían entes solventes e serios que miraban polo ben deste noroeste peninsular.
A tal efecto, os directivos das nosas Caixas defendían na publicidade que o aforro galego se quedara e se investirá nesta terra. Ate o da fusión das dúas caixas parecía unha medida necesaria e útil para Galicia. Claro que o que ninguén pensaba era que estes directivos, máis que mirar pola Caixa da que eran responsables, e por tal obriga cobraban impostantísimas cantidades de cartos, plantexaran reformas que levaban axustes, despidos e xubilacións de persoal, sacrificios importantes para os seus empregados, namentres para eles agochaban inmensas e escandalosas prebendas económicas.
E diante este grandioso escándalo as preguntas saltan como coitelos apuntando cara a dirección da Entidade, a Xunta de Galicia e o Banco de España. Pois a publicidade que ate hai uns meses falaba de “a Nosa Caixa” a que ofrecía cretos e moitas cousas máis para os cidadáns, agora resulta que soio traballaba para que os seus altos executivos se aseguraren uns beneficios e prebendas de por vida. Xubilacións de ouro para uns poucos, e para os demais unhas poucas moedas ou o paro.
Agora que esta entidade está intervida polo Estado nun 90% Como se pode entender e xustificar que os directivos se forren a conta dos sofridos pequenos depositantes? Depositantes que gardan alí os cartos da súa pensión, ou os aforros de toda a súa vida e aos que se lle cobra polo mantemento dunha cartilla anualmente. ¿Que creto vai ter a entidade diante a cidadanía con tales directivos ao frente? ¿Quén se fía destas entidades financieiras? E neste asunto ¿Que pinta a Xunta de Galicia e o Banco de España que presta cartos para reflotar a entidade? ¿Que pasa que non pon condicións cando pon os miles de millóns de euros?
As caixas e as demais entidades financieiras quedaron en evidencia diante os cidadáns co tema da crise brutal que padecemos. E, en todo isto lío, que pinta a Xunta de Galicia e o seu presidente? En fin, todo isto ven a demostrar dúas cousas: a primeira que, o que anda coa fariña, enténdase cos cartos, sempre garda para el a mellor parte. E, a segunda, é que na España do Lázarillo de Tormes os pícaros, os "macarras" e os oportunistas sen moral nin escrúpulos aproban normas nos órganos de dirección que sempre os favorecen. Pois un caco, por roubar un bolso, vai á cadea por varios anos, e os que fan grandes operacións e fan unha xestión escandalosa nas entidades que gobernaron, son premiados con grandiosos beneficios. Conclúo: diante esta realidade os cidadáns senten, sentímonos, estafados, defraudados e percibimos unha grande impotencia.