Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 24/02/2019 | Actualizada ás 19:08
Milleiros de persoas participaron este domingo na LI Feira do Cocido de Lalín, unha das citas gastronómicas máis importantes do inverno na comarca do Deza e que está xa collendo sona internacional.
A Feira do Cocido, declarada Festa de Interese Turístico Nacional, celébrase desde fai máis de cincuenta anos e supón a culminación dun programa cultural e gastronómico que se estende durante un mes, que conta co apoio económico da Xunta a través dunha colaboración de 30.000 euros.
Nos actos deste domingo participaron o alcalde da localidade, Rafael Cuíña, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, o concelleiro de Cultura, o lalinense Román Rodríguez e o pregoeiro deste ano da Feira, Xabier Fortes, quen tras a entrega do premio, como é tradición, asinou no libro de Honra do concello.
ENTREGA DO PREMIO ALDEA SINGULAR
Durante os actos do día grande da Feira, entregouse o premio Aldea Singular, que puxo en marcha o goberno local, dotado con 15.000 euros.
A proposta que obtivo a distinción, neste caso a presentada por Doade, deberá investir o importe do premio en actuacións que redunden no conxunto de veciños e sempre sobre terreos e espazos de dominio público.
O premio recoñeceu o traballo desenvolvido por Doade a favor da recuperación do patrimonio histórico, destacando as actuacións postas en marcha no castro desta localidade nos últimos anos.
INTERESE TURÍSTICO INTERNACIONAL
Por outra banda, Román Rodríguez destacou que no modelo turístico de Galicia estas celebracións ocupan un lugar destacado e lembrou o seu compromiso de traballar para conseguir que a Feira do Cocido de Lalín alcance a declaración de Interese Turístico Internacional. Sumaríase así ao grupo do que só forman parte once celebracións en toda a comunidade galega.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.