Por Manuel H. Iglesias | Ourense | 20/10/2011
E claro un reflexiona e pensa, e a conclusión é un tanto triste e dura. Pois todo isto parece unha tomadura de pelo. Unha coña, ou broma de mal gusto. Pois sabedores do que anda a facer Feijoo e os seus conselleiros dende que gobernan en San Caetano, un intúe que a Sra Sánchez Camacho está moi mal informada. Pois compre lembrar que nesta terra do noroeste é onde hai máis medrou o paro recentemente; onde o mundo rural está fenecendo e ardendo polos catro costados; onde os recortes, que non unha boa xestión, afloran no ensino, favorecendo aos centros privados en detrimento da escola pública; e onde a sanidade atura os envites dos que ven no peche de centros, restición de camas e persoal ,e a esternalización de servizos a solución aos problemas que padece este ben básico.
Supoño que Sánchez Camacho é sabedora de que, nesta provincia do interior , leva gobernando moitos anos o clan Baltar e, precisamente nesta provincia, é onde andan peor as perspectivas de futuro. E supoño que a ise goberno provincial habería que pedirlle algunhas responsabilidades.
O noso rural arde, cecais para fuxir da desesperanza; arde pois está envellecido, despoboado e desesperanzado e espera un plan que o salve do ermo e do mato. Alguén lle planta ao monte? Posiblemente desesperado ao ver que o seu mundo se esfarelou e carece de futuro. Que soio é un nío de xabaríns e silveiras e non quere fuxir polo que, resístese a emigrar.
E o noso goberno, o de san Caetano, ten ao presidente buscando os votos polas terras da Pampa Arxentina. ¿E iste é o modelo que nos ofertan para gobernar o Estado os populares? Moitas veces aforrar, resulta gastar máis. E isto é o que está a pasar cos incendios forestais. Os que queiman o monte son delincuentes, pero o certo é que esta cerimonia pasa todos os anos. Iste se cabe con moita máis insistencia. Menos mal que a ministra mandou as súas brigadas a apagar a vaga de lumes, se non isto remataría sendo un inferno. E Feijoo de tournee pedindo co DNI na boca apoios para Rajoy. Isto cheira a manipulación electoral; a sacas de votos agradecidos por uns euros, a caciquismo puro e duro. O refrán é claro: o raposo perde o rabo, pero non as mañas.
Ourense, e a Galicia rural por extensión, arde polos arredores da vilas e pobos; morre paseniñamente : sin industrias, sen agro e sen futuro. E a pregunta resulta evidente: Quen leva na poltrona dende toda a vida en Ourense? Pois a dereita vinculada aos populares. O amiguismo, chamado Baltarismo, dirán moitos cidadáns. Esta é a realidade que nos tocou vivir ata que escampe.