Por Manuel H. Iglesias | Ourense | 25/11/2011
Pois ben, tal e como anunciaban as enquisas o PSOE esnaquizouse e os populares, sen esforzo, chegaron ao poder despois de case oito anos de oposición. Desta vez cumpriuse o dito e, a terceira foi a vencida. Mariano Rajoy e os seus acólitos gobernarán cunha ampla maioría de votos. Chegou, polo tanto, a hora da verdade e de pasar das verbas aos feitos. Agora non valen as boas palabras, as promesas, as esaxeracións propias dos mitins, nin as desculpas que, estou seguro que as haberá. Chegou a hora de gobernar pois, a maioría absoluta, obriga a tomar as rendas do poder e adoptar solucións con, ou sen, o consenso das demais forzas parlamentarias.
Mais, da lectura dos resultados, dedúcense varias previsións que, de seguro, darán moito que falar nos próximos meses. Pois na política, ao contrario do que acontece noutras institucións, as eleccións obrigan a axustar e remodelar obxectivos políticos e programáticos e a trocar persoas para acadalos.
Como primeira cuestión que se me antolka, é necesario saber que política van a seguir os populares no Estado e si estarán dispostos a buscar consensos nos grandes temas de Estado. Eles sendo oposición non aceptaron chegar a acordos co PSOE e preferiron que iste se queimase, pois todo o que se facía non lle valía e estaba rematadamente mal. Hoxe todos estamos esperando o programa que presentará o día da investidura o novo inquilino da Moncloa. Pois, durante a campaña, houbo máis silencios que propostas do que fará o PP.
A segunda cuestión, vai a ser como actúan no Pais Vasco; pois o mapa electoral, aínda que anunciado en parte polas enquisas, é moi diferente ao que había ate hai uns días. O nacionalismo na súa totalidade reforzouse e haberá que darlle contestacións ás demandas políticas dos novos representantes. Agora xa non está ETA no panorama, pero si están as demandas políticas dos nacionalistas. Algo semellante acontece en Catalunya onde Converxencia mellorou resultados gobernando. E isto traerá novas reivindicacións. Pensemos nas referidas á economía.
En fin, rematou o prazo das boas palabras e chegou a hora de afrontar a crise que nos abafa. O discurso do mal goberno de Zapatero xa é historia. Agora hai que traballar e contentar a todos, vai ser tarefa difícil. Os socialistas xa anunciaron congreso e de seguro que haberá moitos cambios na liña política e nas persoas. E o que pasa cando unha desfeita electoral acontece.
No caso galego dicir que todo foi segundo o previsto. O PP fíxose amo desta comunidade; o PSOE derrubouse perdendo case 300.000 votos e o BNG sigue desangrándose a pesares da felicidade expresada polo portavoz nacional Guillerme Vázquez. Unha felicidade que pouco vai a durar, pois pode ser que, na nos aterra, aproveitando a marea azul Feijoo adiante as eleccións e alá polo outono teñamos que volver a votar. E este feito colle co paso cambiado a toda a oposición incluído o mundo nacionalista. O BNG, a formación frontista, nas horas máis baixas do PSOE, perdeu máis de 30.000 votos. Veremos agora a quen se lle piden responsabilidades. Veremos a quen arriman para un lado como se fose un moble inservible. Veremos a quen se leva a fogueira ideolóxica para queimalo polo precario resultado. A verborrea resistencialista xa se puxo en marcha lembrando os ataques ao nacionalismo galego por parte do centralismo político e lembrando, de novo, o goberno do bipartito. O nacionalismo galego sempre culpando aos demais dos resultados, polo que parece sigue sen decatarse da súa adolescencia política, das súas debilidades e contrariedades. Explicareime: quere ser goberno e á vez ser oposición. O que ven a ser algo semellante as desculpas do mal pagador. A culpa sempre é dos demais, eu non son culpable de nada. Todos están conxurados contra min, etc. E, no momento oportuno, deixando ver a patiña a modo de ameaza os do grupo maioritario: ¡os que non este de acordo e non acaten a maioría que se marchen! Triste futuro, se non se troca o rumbo dando un xiro copernicano, na Asemblea do 28 de xaneiro. E non precisamente cara o asemblearismo inútil e estéril.
Supoño que as bases serán conscientes de que así non se debe nin se pode seguir. O nacionalismo galego ten que aspirar a algo máis ca ser a muleta do PSOE; aínda que nas manifestacións se berre: ¡PSOE e PP a mesma merda é! O nacionalismo ten que remodelarse fondamente no político, no organizativo, nos obxectivos e nas persoas, se non quere ser pura testemuña. Resistencialismo sen futuro. Xacobinismo a ultranza que cheira á mantenza no poder da organización e seguir así. O nacionalismo neste país recúa e parece que os dirixentes que mandan na actualidade non o queren ver. A xente galega non cre nin ve realizables as nosas propostas políticas. E haberá que escoitar á xente, que é a que vota soberanamente, e que nos manda avisos por pasiva e por activa cada proceso electoral.
Rematarei falando do próximo, de Ourense. Que pasou en Ourense? Pois pasou que, nesta provincia provinciana, todo está por facer, pero non pasa ren. Supoño que agora chegou a hora da verdade, pois os da gaivota, gobernan na Deputación, na abafante maioría dos concellos, na Xunta e en Madrid. Que máis queremos. Agora non caben as desculpas. Todos os ventos a favor, e case todos azuis. Mellor imposible. Supoño que agora empezará a mellorar a terra onde campa o baltarismo populista.
En fin, falaron os cidadáns e dixeron o que soberanamente consideraron máis oportuno. E non valen as pegas nin os peros. O discurso do caciquismo opresor xa pasou de moda. Polo que temos que aceptar que o caciquismo e tolerado e ate querido de bo grao. E, por moi dura que sexa a realidade, terémola que ir dixerindo e cambiando o noso discurso. A xente vota como quere. España, e Galicia hoxe están dentro desa marea azul que nos vai a gobernar. Esperemos acontecementos e iremos vendo como chove.