Por X.M. Fernández | Allariz | 04/04/2019 | Actualizada ás 10:00
Conta atrás para as vacacións de Semana Santa e Galicia esperando xa a chegada masiva de turistas. Unha das vilas que agarda unha alta ocupación é Allariz, que dende hai uns anos ofrece a veciños/as e visitantes o programa “Semana Santa ao Vivo” que inclúe entre as súas actividades música ao vivo nas rúas, varios mercados de artesanía e de gastronomía e rutas interpretadas.
O patio do Museo do Coiro acollerá, como é habitual, dende o xoves ata o domingo, o Mercado de Artesanía no que participan artesáns de Allariz. Unha decena de artistas exporán as súas obras feitas en coiro, cerámica ou pedra, entre outros.
O Mercado da Reserva da Biosfera ampliara o seu horario e abrirá o venres e sábado de 10:00h a 14:00h. As persoas visitantes ademais de mercar os produtos da reserva da biosfera, como o queixo do Rexo, o pan artesán, leite ecolóxica, mel, hortalizas ou produtos elaborados con castañas, poderán degustar, de xeito gratuíto, pratos elaborados na sesión de cociña en vivo.
Unha novidade importante para este ano é a iniciativa “Ruta interpretada por Allariz”, que organiza a Área de Turismo do concello xunto coa empresa alaricana Xeitura. O obxectivo da mesma é amosar, durante unhas dúas horas e acompañados de guías especializadas/os na historia e patrimonio de Allariz, algúns dos recunchos máis senlleiros e con máis tradición da vila. Terá lugar os días 19 e 21 de abril ás 11:30 h. Para coñecer máis detalles desta actividade e anotarse toda a información na web do concello.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.