Por Manuel H. Iglesias | Ourense | 10/12/2011
A vella Europa, a dos mercados, camiña compracente xogando e apostando polo libre mercado sen ningún tipo de problemas nin de intromisión dos Estados. E todo parece que vai polo camiño de seguir apostando polo mantemento do “laixer faire” deixar facer libremente a estes entes abstractos, e que sexan eles so os que regulen a vida económica dos vintesete. Polo que os estados sociais emanados da socialdemocracia están en caída libre.
Cuestión esta que, relega aos demais países da unión a un papel secundario no campo económico. Polo que o dito de ¡Canto tes, canto vales! Será a divisa que primará de agora en adiante na nosa vida ordinaria. Pois se somos menos poderosos e se non podemos manter un nivel de vida como víñamos tendo ata hoxe, primeiro cumprimos co pago do que debemos e logo o que veña. Posiblemente, cando se fixo a unión monetaria, os gurús filosóficos e os manda máis non caeron na conta de que, lanzar unha divisa única para países onde as diferencias sociais son moi distintas, podía carrexar moitos problemas. E así foi. A partitura deseñada resultou ser unha fantasía musical, onde os músicos, neste caso os políticos, crean escenarios idílicos que distan moito da realidade social. Creouse a fantasía europea. E logo pasa o que pasa. Polo que a día de hoxe temos unha dobre incertidume que apunta a unha recesión dura dentro do noso Estado, e ao control económico baseado nos principios do libre mercado dende Bruxelas. Conclusión: recorte do estado social e engolamento da economía. Consecuencias: perda de dereitos laborais, aumento do paro e aproveitamento especulativo do mundo das finanzas e a empresa para impoñer o despido libre.
Na península, se antes das eleccións do 20-N nada sabíamos da partitura de Mariano Rajoy. Si intuíamos algunhas liñas e barallábamos algunhas certezas. Pero a día de hoxe seguimos case igual. Non se permiten preguntas. Discreción e silencio. Aínda que pola contra parece que hai moi boa empatía cos grandes da Europa económica. Así, todo indica que, despois do Nadal, imos ver a partitura que nos presenta a Merkel e o Sarkozy. E como xa coñeceremos tamén a de Rajoy e os músicos que a van a interpretar, estaremos en condicións de adiviñar que camiño levamos. A verdade é que, vendo o panorama, auguro que esta obra será en ton menor, (o ton menor é xeralmente triste, melancólico, etc.) Posiblemente será un andante moi esforzado, e musicalmente chocará coas voces da rúa. Polo que, espéranse fortes disonancias; que ven a ser todo o contrario das consonancias. Ou sexa, espéranse fortes discrepancias dos axentes sociais. Pois, molaría que agora houbera pacto social, cando antes nada de nada ou sempre racaneando. Os sindicatos ademais de defender aos traballadores, teñen que trocar de táctica e buscar a maneira, dentro do capital humano, para incentivar a creación de empresas dirixidas por traballadores, e non quedarse soio no campo da reivindicación dos dereitos.
En fin, a vella Europa está nunha encrucillada. Ate hai uns meses todo era culpa de Zapatero, e agora a crise é moito máis global e, como dixo o futuro presidente: La cosa no será fácil. Por tal motivo, non quedará outra que bailar ao ritmo que nos marquen e remar para saír desta recesión. A globalización das comunicación trouxo a globalización económica, pero esta non trouxo a igualdade de dereitos laborais no mundo. E esa é unha cuestión que para nós trae moitos problemas económicos. Queren que consumamos estando no paro, e iso é imposible. En fin, aínda que Caio Lara diga que que chama á cidadanía a unha mobilización permanente, solidaria e activa, ou algo así, todos teremos que arrimar o ombreiro para saír desta crise tan fonda que ameza á vella Europa.
E para rematar deixo no aire unha pregunta: Si se modifican os tratados europeos ¿non tería que ser sometida a modificación a referéndum? Pois perdemos soberanía política e económica. Si, ou non.