Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/04/2019 | Actualizada ás 14:30
A candidata ás eleccións europeas e actual eurodeputada do BNG Ana Miranda presentará este domingo en Londres as candidaturas do Bloque para os próximos comicios electorais, tanto xerais, como municipais e europeos, nun acto encamiñado a establecer pontes coa comunidade galega na diáspora.
A cita será ás 16,00 horas no Haggerston Community Centre. No último ano, a eurodeputada nacionalista xa participou en diversos encontros con galegos residentes no Reino Unido en Alemaña e representantes da diáspora na República Checa, Suíza, Dinamarca e Bélxica, entre outros, reuníronse en Bruxelas para intercambiar propostas de face aos diversos procesos electorais.
Para o BNG, "resulta primordial afrontar os retos electorais coa máxima coordinación posible", "sobre todo" ao ter "militantes con tantas ganas de traballar a favor do proxecto do Bloque", destacou Miranda. No acto deste domingo falará sobre o seu traballo como eurodeputada, pero tamén abordará as consecuencias do Brexit para a comunidade galega residente no Reino Unido.
ACTO O LUNS ANTE A PRISIÓN NA QUE ESTÁ ASSANGE
Por outra banda, o luns, Miranda ofrecerá unha rolda de prensa diante da prisión de Belchmark, na que se atopa o fundador de Wikileaks, Julian Assange, tras a súa detención o pasado xoves na embaixada de Ecuador na capital británica.
Precisamente, Miranda tiña previsto manter un encontro o luns con Assange e a vicepresidenta de Exteriores do Bundestag, a deputada alemá Heike Haensel, tal e como o luns 8 de abril lle confirmara a propia embaixada.
Ana Miranda tacha de "escandalosa" a retirada de asilo por parte de Ecuador e destacou que a detención do xornalista supón "implicacións moi perigosas para a liberdade de prensa" se se permite que as persoas sexan encarceradas por publicar información filtrada que expón as irregularidades dun goberno". Ao seu xuízo, "o arresto e a solicitude de extradición parece máis unha vinganza que xustiza".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.