Por Manuel H. Iglesias | Ourense | 16/12/2011
Pola contra, tamén ten complicados problemas que arranxar. Entre estes citarei o que para moitos é o mais importante: a solución que se lle dá aos asuntos derivados dos residuos sólidos e líquidos.
Partindo do principio exposto queda claro que, por egoísmo case natural, nun concello calquera cidadán cando opina sobre a situación onde se deben poñer centros de depuración de augas ou centros de cremación ou vertedeiros controlados de lixo, responde: o máis lonxe posible do meu municipio. Polo que, para buscar unha paraxe axeitada para tales centros, sempre haberá, cando menos moita polémica. Pois non soamente protestarán lindeiros das terras, tamén o farán as organizacións ecoloxistas, os concellos limítrofes e mesmo as organizacións políticas.
Hai uns anos, creo, nun concello do Ribeiro, mais concretamente en Carballeda de Avia, baixo o nome Parque Medioambiental o goberno bipartito da Xunta pretendía instalar a planta para reciclar os residuos sólidos do sur de Galicia. Lembro que o alcalde do concello estaba a favor do tema. Logo apareceron os populares para montar unha campaña e facer unha plataforma contra o mencionado parque, pois, segundo eles, todos eran problemas e mais problemas.
Aquelo parouse con protestas e quedou no esquecemento. E despois de manexar e desbotar varios lugares, a Xunta actual di que, a mencionada planta se colocará noutro concello da provincia. E nada máis saltar a nova á prensa, son outros os que están a facer outra plataforma para oporse. Antes opoñíanse os populares e agora os contrarios.
O certo é que neste asunto os partidos políticos e os gobernantes teñen que mirar o horizonte con certa perspectiva. Pois ás veces por un puñado de votos mantéñense posturas contrarias e xa se sabe que a razón non debe camiñar por parroquias. Pois nestes asuntos de difícil solución o que hai que poñer por riba da mesa son pros e contras; son razoamentos técnicos e compromisos institucionais sólidos.
Pois nin antes era tan mala a postura da Xunta de instalar a planta nos arredores do Ribeiro, nin agora será unha gran vantaxe para a provincia, como dixo un responsable do goberno galego en Ourense. Sentidiño é responsabilidade é o que compre nestes asuntos. Pois, como dixen ao principio, as empresas e os servizos controvertidos e relacionados cos vertidos líquidos e sólidos ninguén os quere de boa gaña nin na súa cidade nin no seu concello.
Os seres humanos, no seu paso pola terra, creamos residuos e contaminamos. E a estes temas hai que buscarlle unha solución, a poder ser coa base social máis ampla posible. Pero, sempre, fuxindo de posturas antagónicas, e pouco racionais. Pois nin antes a colocación dun parque medioambiental era tan mala, nin agora se é tan boa que vai salvar á provincia da situación de atraso na que está. Sentidiño, moita responsabilidade e información é o que compre. O demais sobra. Pois, que isto veña para a provincia, nin é un logro e menos un favor. Polo que ao mellor habería que plantexar a postura seguinte: quen ten máis industria e produce máis lixo por ter maior número de habitantes, é o que ten que apandar coa planta en cuestión. E nese caso, Ourense estaría fora deste asunto tan espiñento e controvertido.