Chorando polo tirano

As imaxes dos coreanos do norte chorando pola perda do seu líder, ademais de parecerme surrealistas e propias dun país exótico e certamente estraño, tráenme á memoria as escenas de Arias Navarro o presidente de goberno que anunciou a norte do ditador Franco no ano 1975.

Por Manuel H. Iglesias | Ourense | 22/12/2011

Comparte esta noticia

 Lémbranme aquela España en branco e negro na que  vivimos tantos anos.  Daquela tamén,  nesta península, moitos choraron pola norte do xeneralísimo. Eu persoalmente vin a dous compañeiros de traballo que dicían: quen vai  mirar  agora por nós.

As ditaduras, todas son semellantes. Culto ó tirano, perpetuación no poder, falla de liberdades, e o pobo sometido ós designios da camarilla gobernante. É este un feito que ten certa semellanza co dos maltratadores: moitos deles ate lle chegan a ter o   cariño vítimas.  Pero en todos os réximes ditatoriais  acontecen cousas semellantes. Recentemente na Cuba de Fidel, para impedir que unas señoras se manifestasen o día dos dereitos humanos, pedindo liberdade de expresión, os acólitos do réxime castrista rodearon a casa, para impedir que estas puideran saír da mesma e cumplir co seu obxectivo. As frases e os argumentos  ditas polos castristas eran as de sempre: estas señoras son axentes dos americanos. Son contra revolucionarias; son disidentes.

Esta visto que, somentes cando se vive en liberdade, podemos percibir, ao ver na carne dos sufridores,  o valor de vivir nun réxime onde o pensamento e libre. Onde te podes expresar e, onde podes acceder á información sen ser perseguido.

O caso de Corea do norte e do goberno de Pyongyang  é un tema repelente que xunto con outros, amosa a faciana máis ambiciosa  e despótica do ser humano. Un líder que deixa o poder absoluto en terceira xeración, como se fose un monarca  todo podereroso, ao seu fillo para que siga a dinastía. Claro que esto semella ao que tamén pasa en Cuba, onde Fidel cedeulle ao seu irmán o cetro da revolución. Cuba e Corea do Norte, distintos, distantes pero algo xunguidos polo vínculo do poder comunista herdado. Agora haberá que chamarlle as monarquías comunistas con poder absoluto. Claro, para distinguilas das monarquías europeas sen poder executivo. Mirando ben, os dous países viven réximes  semellantes. Aínda que o cubano non é tan tiránico como o coreano. Os dous  pobos pasan estreiteces, pasan  fame, racionamento e sen acceso a comunicación exterior,   ou con ela moi restrinxida.

No poder militar baixo o mando dun tirano,  a xente sempre vive  en estado de guerra por medo ao invasor; por medo a chegada das ideas de liberdade; por medo ao que veña do exterior. O culto, case divino,  ao sátrapa, son as divisas e as obrigacións  que teñen  que pagar os seres humanos que viven baixo esas ditaduras.  Ben sei que as chamadas democracias burguesas teñen defectos, non son perfectas. E menos para os adeptos do socialismo real, (comunismo) Para eles  teñen que ser fondamente modificadas ou derrubadas pero, a pregunta sería: Canto tempo aguantarían estes seguidores  vivindo nun país como Corea do Norte ou Cuba? Pois unha cousa é ir de vacacións e outra vivir permanentemente alí. Canto tempo resistirían   nas condición dun réxime sen liberdades e servizos públicos caóticos ou inexistentes, canto?

As imaxes dos coreanos chorando e axeonllados polo seu tirano é, baixo o meu punto de vista, a demostración do despotismo que aínda existe en moitas partes do mundo. A demostración militar do seu exército amosándonos un poderío e unha marcialidade extrema son as  imaxes da imposición  da forza das armas fronte a razón das palabras. A  crueldade dos humanos cando son donos do poder absoluto é enfermiza e aterradora. E iste é o exemplo máis palpable.

Agora que nós vivimos en liberdade, e que as imaxes dos coreanos nos lembran o pasado da ditadura franquista, agora,  a pesares da crise económica,  valoremos o que temos e si podemos mellorémolo.

Felices festas e feliz 2012  para todos os lectores de Galicia Confidencial.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Manuel Herminio Iglesias Natural de Seixalbo, concello de Ourense 1949. Diplomado en Maxisterio (Ciencia Humanas) e Música. Comprometido coa labor social, cultural e política, fundou diversas asociacións. Foi, dende xuño do 2009 ate xuño de 2011 concelleiro de Infraestruturas, Mobilidade e Perímetro Rural no concello de Ourense. Preside dende o ano 1997 a Asociación Cultural Agromadas. www seixalbo.com