Por Manuel H. Iglesias | Ourense | 09/01/2012
Pero as primeiras medidas anuncian, non soio restriccións, que eran esperadas por todos, anuncian a modificación dos primeiros compromisos que durante a campaña electoral aireou o agora presidente. Claridade nas contas e non subir os impostos.
E desta maneira, a escudeira Soraya saíu acompañada doutros ministros para dicir que había un desfase do 2% no déficit do Estado, e por tal motivo había que subir os impostos de maneira temporal. E claro, un lembra o dito na campaña polo propio presidente, e tamén o referido ao traspaso de poderes. Traspaso que el mesmo cualificou de exemplar e transparente. E pensa, non nos estarán tomando o pelo estes novos gobernantes? Pois, de súpeto, sae a vicepresidenta pola tanxente con xustificacións varias e racha con todos os comporomisos adquiridos e, sen unha explicación clara, contanos unha milonga.
Durante a confrontación electoral , e na primeira comparecencia o presidente anunciou reiterandamente que lle chamaría ao pan pan e ao viño viño. E agora en lugar de contarnos cales son as comunidades autonómas que son motivo do aumento de déficit presupostario do 2%, cala e fuxe da comparecencia para non entrar na gran contradición da que é vítima. Está claro que unha cousa é predicar e outra dar trigo. Pometer claridade e fuxir de explicacións claras é para min un grave erro. Como será outro erro pospoñer reformas e recortes antipopulares en función do calendario electoral. Pois, segundo parece, as medidas máis duras e restricitivas serán públicas despois de Marzo, que ven a ser o mesmo que facelo pasado o proceso electoral das autonómicas andaluzas.
Este é, ao meu xuizo, o tropezón máis burdo co que empeza a era Rajoy. Zapatero quizais errou, e pecou, entre outras cousas, de inxenuídade pero foi bastante claro. Foi claro no da negociación con Eta pedíndolle permiso ao Parlamento; foi claro tratando de repartir o custe da crise entre todos, etc. Por eso a Rajoy e os seus, látigos na oposición, se lle reprochará tanto anuncio como o de baixar os impostos, e que agora incumple flagrantemente. Un dito popular recalca: promete o que queiras que logo cumplirás o que poidas. Ese é un grave defecto da nosa democracia. Pois podes prometer o que che dea a gaña, que logo xa verás como gobernas.
Cada día que pasa queda máis claro que, unha cousa é gobernar. Outra moi distinta facer promesas dende a oposición. Por eso é moi necesario que as contas estean claras, moi claras. É necesario saber cales son as comunidades que máis cartos deben. Pois pode acontecer que sexan aos gobernadas polos populares. En fin, agora empeza o desgaste político, e como eso será algo inevitable, veremos a quén se culpa; veremos como se xustifican moitos recortes; veremos como se argumenta, ou como se minte, para xustificar recortes en dereitos sociais e cativos resultados na mellora do emprego, nas contas do Estado e, en resumo, na calidade de vida dos cidadáns. Posiblemente de agora en adiante a culpa será da xente. Si, a xente que pide moito, consume pouco, e tamén produce pouco. A culpa ninguen a quere, é sempre e será dos demais.