A Galicia que ven... A Galicia que está...

Crise, crise, crise... vocablo que convertiuse nun compañeiro habitual en cada recodo do país. Adoitando formas diferentes segundo o lugar onde aflore.

Por Héctor Tejón | A Coruña | 12/01/2012

Comparte esta noticia
Nun centro de saúde, a comezón que recorre a usuarios de rendas medias-baixas é o pago polas menciñas, polas  consultas, por ter que pagar por non estar sano. O primeiro castigo da nova economía post-global. O Estado non se fai cargo dos problemas de saúde do individuo, porque éste é responsable das súas dores e males, na súa "responsabilidade" radica a evasión da enfermidade. O uso e abuso do sistema público de sanidade aflora entre a "civitas" galega, que ve coma un dos sistemas sanitarios máis laureados de Europa (e instaurado polo executivo Manuel Fraga - Romay Beccaria) é privatizado, ninguneado e desmantelado por unha elite tecnocrática que fala ós galegos coma se foran seres inertes, masa informe secuestrada da súa propia conciencia.
 
Abandeirados da causa "técnico-racional" , o Goberno de Galicia (non confundir co goberno dos galegos) entrou en San Caetano fai xa tres anos cunha frase que percorreu parte dos seus mítines: "Remataremos coa crise en 45 días" entonaba un Alberto Núñez Feijoo descoñecedor, agora xa podemos dicilo, da realidade dun PIB galego baseado na especulación e expoliación do noso territorio, nun sector servicios que promove un turismo de baixo valor engadido (se as contratacions son precarias é porque o diferencial ingresos-ganancia privada é exiguo) e unha industria desmantelada a pasos axigantados (O naval de Vigo atestigua, a situación da comarca de Ferrolterra, verifica). Se nos fiamos dos números do Instituto Galego de Estatística (que non ten porque ocultar numeros ¿non si? ), no 2009, cando o bipartito sae do goberno e se lle acusa de derruír "o legado do PP", a media de persoas afiliadas á Seguridade Social (o número de parados, en número total, non vale porque entre "plans de formación" e "claves" informáticas, máis o emprego sumerxido, desvirtúa a realidade socio-laboral.) era dunha media de 1.034.223, so o mes de agosto do ano que venceu achégase a este número, con 1.001.568 e pecha o ano 2011 en 966.768 traballores, o número máis baixo de afiliacións rexistradas dende o primeiro trimestre do ano... ¡2004!
 
Non semella un xeito de rematar cunha crise global acentuada en Galicia  nos sectores industria-construcción pola crise de consumo duns bens que xa non se poden pagar porque nin hai crédito dispoñible, nin hai rendas do traballo co posibiliten. 
 
A solución, lonxe de pasar por unha reformulacion do sistema impositivo galego (máis soberanía fiscal, por exemplo) pasou pola aplicación dun dogma que Webber definiria coma ética protestante; o esforzo, a austeridade, o aforro... pra voltala senda do crecemento (non se vai voltar, porque sobra poboación activa en relacion ós medios tecnolóxicos dispoñíbeis pra o traballo que se ten que realizar. Logo, se non se necesita tanta poboacion activa ¿pra que telos sanos?)
 
No comezo do 2012, a poboación xa non está indignada, se non RE-signada. Asúmese que todo vai a peor e hai que adaptarse, porque "é así". Resignados de nós mesmos, apoiamos, co silencio e a depresión, prácticas despóticas e tiránicas na gobernanza do noso país. A reducción non de estandares de vida, se non da esperanza de vida.
 
A privatización da sanidade, da educación e do acceso á cultura, así como a asfixia impositiva ás rendas do traballo son a solución, xa que os nulos impostos ás rendas do capital, a evasión fiscal, os desfalcos empresariais resoltos con ERES, a corrupción política nos concellos son praxes correctas e necesarias pra voltalo que foi. "Paguen vostedes, que nós non queremos" debería ser o novo slogan do partido de San Caetano e dun presidente, máis pendente do seu partido político e a carreira que poida facer dentro del, que das necesidades de Galicia e a súa cidadanía.
 
U-Lo a esquerda política galega?
 
Namentres o neoliberalismo (tamén chamado post-fascismo, por David Harvey entre outros) vence sen convencer se non por imposición democráctica. A "esquerda" política galega vai á deriva. A día de hoxe o PSG-PSOE é unha sucursal de Ferraz en Galicia, desconectada de absolutamente todo, de Galicia, do galego, da economía, do territorio, do urbano e do rural camiña canda unha presenza irrisoria nos foros sociais e cidadás galegos.
 
No caso do BNG, por primeira vez na historia deixou de ser a forza que aglutinaba as sensibilidades da esquerda en Galicia. Perdendo votos  canda EU-EG e partidos independentes, asÍ coma os apoios do activismo social de fonda pegada. O que no PSOE semella unha festa de xatos, no BNG adoitou unha forma de guerra interna totalmente alonxada das súas bases, militantes e simpatizantes. Vimos de ver coma o partido referente da esquerda galega perdeu a pasos axigantados o que se gañara durante décadas. A día de hoxe, a cúpula do BNG entrega ós medios de comunicación carnaza diaria das súas lerias sen moito senso pra unha sociedade galega necesitada é ca escoite de verdade, e non que lle diga qué ten que pensar ou facer. 
 
O BNG, nas tres correntes representativas; UPG, MÁIS GALIZA e ENCONTRO IRMANDIÑO abandeira unha causa de refundación política na que a sociedade non cre, porque non se identifica nin co discurso (marxismo-leninismo non é serio nunha sociedade adulta coma a do 2011), nin coas súas formas (reproducción de delitos de latrocinio e caciquismo tan denostados polas bases, ansiosas dun proceso modernizador de verdade), nin nos seus persoeiros (xentes excesivamente caducas, que nin queren nin deixan  paso ás novas xeneracións máis preparadas e conectadas coa realidade cos que se apoltronan en sillóns de mando en concellos, nas cortes españolas e nun parlamento despótico europeo).
 
Namentres a sociedade galega asiste tremendo de medo ó desmantelamento de absolutamente calqueira dignidade da condición humana, a tradicional esquerda política en Galicia concentrada no BNG simplemente reparte cargos de voceiros e portavocías entre os máis cercanos ó aparato do partido. Non ás propostas. Non ás ideas. Non ó ar fresco das bases e da cidadanía galega. Siglas coma UPG ou MÁIS GALIZA  son forzas de partido, non forzas sociais. E coma tal, so buscan o interese propio, a foto no xornal e unha xubilación golosa tralo seu paso pola política. Do mesmo xeito que se necesita un novo modelo económico, laboral e social, necesítase un novo referente político capaz de artellar o descontento individual, a exclusión social, a precariedade laboral, a dependencia dunha economía elaborada por elites político sociais impostas, en motor do cambio real. 
 
Ese referente non pode ser a refundación de ningún partido. ¿Acaso as revoltas non son máis cá resposta horizontal causal-caótica das colectividades á tiranía vertical das elites? Do mesmo xeito cos ideais non morren por non realizárense, a sociedade non fenece sen partidos tradicionais se non cos lexitima unha vez que éstes son un aparato a disposición da sociedade galega, non da "disciplina de partido". 
 
Se os que están no poder impoñen sen consultar e sen importarlles o clamor popular dos mesmos cos auparon. Se os seus antagonistas desplazan as súas bases a cambio de prevendas políticas e oligofrénicas loitas internas de poder (asistimos, impávidos, ó postulamento dun Carlos Aymerich máis preocupado do cargo, ca das necesidades das súas bases sociais, dubidosas de calqueira proceso dirixido polo despotismo e o fundamentalismo dalgo que autoproclamase coma esquerda.) ¿A Galicia do século XXI ten que voltar chorar polos regatos, as fontes, a vista dos seus ollos...?
 
Namentres asemella aceptarse a lóxica dun "eterno retorno" de baixo nivel, cabería lembrar ca unha sociedade que goce de saúde e madurez política, non debe agardalo acompañento daqueles que so queren domesticala.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Héctor Tejón Héctor Tejón Sáez, nado na Coruña en 1981. É licenciado e doutorando en Socioloxía pola universidade da coruña. Desenrolou gran parte da súa carreira profesional coma investigador social e docente na facultade de socioloxía da Coruña. É co-autor do libro "La Siniestrabilidad Vial:Un problema desconocido" e artigos en diversas publicacións electrónicas. Actualmente atópase realizando a tese doutoral: " A construcción da identidade posmoderna a través do consumo de cine de masas do século XXI"