Por Manuel H. Iglesias | Ourense | 24/02/2012
Evidentemente, Ourense é unha provicia que camiña en recesión continua. Carecemos de proxectos de conxunto que indiquen un camiño distinto ó actual para frear o deterioro poboacional, o despoboamento e o abandono do sector primario. Carecemos de obxectivos que fixen industrias vinculadas a sectores básicos que superen o ir tirando como meta. Pero, o que máis me molesta nestes debates, é que, sempre hai contertúlios, que ao non seren capaces de facer unha autocrítica seria, culpan a todas as forzas políticas e sociais por igual da situación, e conclúen sempre coa manida frase: todos son iguais, ou todos son culpables.
A falla de memoria histórica, a visión provinciana e estrictamente partidaria sin admitir críticas; o ser complacentes coa situación, lévanos á unha resignación permanente que xustifica os maiores disparates, desmadres e mentiras piadosas que día a día aparecen como desculpas dos que nos gobernan coa aquiescencia dos votantes, suxetos soberanos que deciden libremente. Polo que, a culpa da situación provincial, ten, baixo o meu punto de vista, unha base que emana dun conformismo que, permanentemente, non supera a protesta de bar ou de conversa familiar pero que non se move electoralmente, ben por ter medo ao futuro, ou por non ter unha alternativa política ilusionante que represente a provincia coa forza dos datos en Compostela. Pois, nesta provincia, moitos foron, e aínda son, os proxectos fallidos anunciados a bombo e platillo.
Moitos foron os plans, mesas de traballo e estudios que se fixeron sobre o tema e que non valeron para nada. Vexamos: hai uns meses anunciouse con moito boato a chegada da fábrica de vehículos Xero. Do asunto nada de nada; no mellor dos casos: mentira electoral. Agora fálase dunha base aeronáutica en Trasmiras. Veremos como se moven os políticos que detentan o poder, se non queren que fuxa para outros lugares do Estado. Manzaneda, unha estación invernal que agoniza sen futuro nin solución. E todo esto acontece cando o plan máis ambicioso da provincia iniciado polo Bipartito, refírome ao Parque empresarial da Rabeda, o cal dispón dun millón de m2 pagados, esmorece nos queixóns de San Caetano. Polo que eu pregunto: ¿Onde están os deputados populares? Onde está o presidente da Deputación, á vez presidente do PP na provincia? Hai uns días o organismo provincial trocou de xefe. Baltar pai deixoulle o bastón de mando a Baltar fillo.
Nos mentideiros e nas tertúlias todo tipo de comentarios, moitos moi negativos. Polo que o novo presidente, o que dixo que no organismo que gobernou o seu país non hai caciquismo, ten a oportunidade de facerse valer e demostrar que manda con sentidiño e ambición de ser un líder provincial. Así que terá que plantarse en San Caetano para dicirlle ao Sr. Feijoo de que él dispón de nove ou dez deputados para modificar a tendencia presupostaria que marxina a única provincia do interior galego. Baltar terá que demostrar é capaz de porse a altura dos tempos se quere superar a cota dun presidente que non foi máis ca un alcalde de alcaldes sen visión de futuro. Pois, de seguir así, moitos preguntaranse ¿para que valen as maiorías aplastantes dos populares na provincia? En fin, as responsabilidades políticas nesta provincia están moi claras. Pois está demostrado que o gobernó popular é o responsable da situación da provincia que, día a día, se asemella máis a un ermo humano, industrial e que vive ignorada polas outras provincias galegas.