Por Galicia Confidencial | Compostela | 29/09/2019 | Actualizada ás 14:52
En Marea centrará os seus esforzos para as vindeiras eleccións xerais en promover a candidatura galega única ampla e que represente os intereses de Galicia en clave progresista. Descarta, así, ir coa Más País, a lista promovida por Íñigo Errejón, para fortalecer unha lista exclusivamente galega.
"O consello da mareas decidiu priorizar esta candidatura diante da incompatibilidade que as formacións que poderían conformar esta candidatura única teñen para formar alianzas máis alá do espazo galego e tamén pola dificultades encontradas para que Más País asumira unha auténtica axenda galega e un marco verdadeiramente confederal no funcionamento da alianza", apunta En Marea nun comunicado.
De feito, esta formación quixo descartar xa a vía da colaboración co partido de Errejón para evitar que BNG e Anova utilicen este argumento en contra da oferta lanzada por Luís Villares. "Se non hai fronte nacionalista non será por En Marea. Haberá que preguntarlle a outros actores políticos", apuntan fontes consultadas.
"O consello das mareas optou por impulsar decididamente unha candidatura única de forzas progresistas galegas", sinala nun comunicado remitido, tal e como propuxo no seu chamamento hai unha semana, chamamento que tivo eco nas propostas realizadas por Anova e Compromiso por Galicia, pero non polo BNG que, aínda que non o dixo oficialmente, parece que xa descartou esta vía.
"Desde En Marea emprazamos ás demais forzas progresistas galegas a sumarse a esta candidatura única co obxectivo de conseguir unha axenda política propia no Congreso e, ao tempo, desenvolver unha axenda social e democrática que atenda as emerxencias que vive o noso país, climática, feminista e social", indica a formación.
"ENQUISAS MANIPULADAS"
As fontes consultadas cren que a enquisa publicada este domingo por La Voz de Galicia vai dirixida a minar, precisamente, a existencia dunha "fronte forte e ampla nacionalista". "Só se entende que lle dean os mesmos resultados a Unidas Podemos e un ao BNG e ao partido de Errejón co obxectivo de evitar que Anova e o BNG se sumen a unha ampla fronte nacionalista", indican ao tempo que din que se está "tentando manipular" á dirección da formación. "O BNG nos últimos días xa mantiña a idea de que son a única fronte nacionalista e que o resto de forzas debemos someternos a eles e non presentarnos", indican. "E agora están utilizando esta enquisa como argumento", apuntan. Con todo, aínda hai esperanzas de que se chegue a acordos de última hora.
Non é a primeira vez que este tipo de enquisas --no caso da enquisa da Voz non aparece na súa web a Ficha Técnica nin os datos básicos da mesma para valorar a súa efectividade-- para tentar influír nos resultados electorais. De feito, nas últimas xerais, La Voz dáballe ao BNG un deputado na Coruña e, finalmente, esta formación quedou moi lonxe de conseguilo.
DIVISIÓN DO NACIONALISMO
Se finalmente non se chega a unha única lista nacionalista a división do voto neste ámbito poderá xogar en contra de todas as forzas de ámbito galego. En Marea e CxG poderían acabar presentándose unidos aos comicios do 10N, mentres que o BNG iría en solitario e Anova con Unidas Podemos. Esta fragmentación, coa irrupción de Más País, de Íñigo Errejón, podería provocar que Galicia quedara novamente sen voz propia en Madrid.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.