Allariz convida a vivir “un Nadal diferente”

O concello ofrece un amplo programa de actividades para todos os públicos, unha decoración moi orixinal e premios para as compras locais.

Por X.M. Fernández | Allariz | 12/12/2019 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Como cada ano, Allariz engalánase de Nadal para os seus veciños e veciñas pero tamén para os visitantes, como un atractivo máis para pasear e mercar na vila.

Presentación da programación de Nadal. Foto: Concello Allariz
Presentación da programación de Nadal. Foto: Concello Allariz

A proposta da vila do Arnoia para estas festas aséntase en tres piares: un variado programa de actividades, unha orixinal decoración -moi recomendable o Poboado de Nadal- e un incentivo para premiar as compras no comercio local.

O concello presenta propostas culturais e de lecer moi interesantes que pasan pola música, o cinema, o humor, os deportes, obradoiros creativos e actividades infantís como o xa coñecido Nadal Parc do 26 de decembro ao 3 de xaneiro.

No apartado de cinema poderanse ver na Casa da Cultura “O que arde” e “Mary Poppins Returns” e para os amantes do humor comentar que chega a Allariz Sergio Pazos co seu espectáculo “Afiando con humor” e haberá dúas interesantes funcións de teatro con “Eu queríame casare” -Lucía Veiga e Pedro Brandariz- e “Proxecto Noé” de Sarabela Teatro.

Para ocupar o tempo activamente tamén se ofrecen diferentes obradoiros: de fotografía con móbil, gravación e montaxe de vídeo, xogos de taboleiro medievais e tecido; o torneo de xadrez ”Vila de Allariz”, a carreira de fin de ano “A derradeira solidaria” e o torneo de baloncesto. A música chegará á Casa da Cultura o día 22 con concertos en sesión matinal e de tarde. Pola mañá actuarán a Banda de iniciación de Allariz e a Banda Nova da Unión musical de Allariz, e pola tarde a Agrupación coral Arnoia, Rondalla Nova Xeración de Barbadás e Coral Sons de Palmés.

Decoración de Nadal en Allariz. Foto: Concello
Decoración de Nadal en Allariz. Foto: Concello

CONCELLO E COMERCIO PREMIAN AS COMPRAS DE NADAL

En Nadal, merca no comercio local!  Este é o lema da campaña que o Concello de Allariz xunto co comercio e hostalería desenvolverán, un ano máis, para incentivar as compras locais e premiar ás persoas que merquen en Allariz durante o Nadal.

A iniciativa “O Peto dos Desexos” sorteará máis de 1000 euros en premios repartidos en vales descontos cortesía de comerciantes e concello de Allariz.

Poderán participar neste sorteo toda persoa, maior de idade, que realice unha compra ou varias por valor mínimo de 30€ nun establecemento comercial ou hostaleiro de Allariz durante os días 10 de decembro de 2019 ata o 6 de xaneiro de 2020 (ambos incluídos).. O sorteo público  terá lugar o luns 8  de xaneiro ás 11:30h diante do Peto dos Desexos (no Alto do Portelo).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta