Ana Pontón: "A presenza dun deputado é un salto de xigante, por iso Feijóo ten un berrinche tan grande"

Asegura que "as portas están abertas" a todos os que queiran "sumarse ao proxecto" do partido nas eleccións autonómicas. Durante a homenaxe da formación a Castelao, a candidata a presidenta da Xunta afirmou que "a figura de Castelao é incómoda porque o nacionalismo é clave no cambio político de Galicia".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/01/2020 | Actualizada ás 18:52

Comparte esta noticia

A candidata a presidenta da Xunta polo BNG e portavoz nacional do partido, Ana Pontón, reafirma que os "compromisos co BNG teñen que estar incluídos nos primeiros orzamentos do novo Goberno" central. Desta maneira se expresou Pontón este domingo nunha entrevista na Cadena Ser, recollida por Europa Press, na que manifestou que se o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, adopta un compromiso de investidura "é para cumprilo".

Para ela, as principais "prioridades" do novo Executivo de coalición deben contemplar as bonificacións das peaxes da Autoestrada do Atlántico (AP-9), o futuro da central térmica das Pontes xunto coa "solución da crise industrial", que virá da man da aprobación dun Estatuto do Consumidor Electrointensivo.

No entanto, todas estas reivindicacións trasladounas o seu partido e o feito de que haxa ministras galegas, como Nadia Calviño ou Yolanda Díaz, non se traduce nun "gran avance" para Galicia. O que fai que Galicia  teña peso no estado "é que a representación do BNG siga sendo decisiva".

De feito, a presenza dun deputado (Néstor Rego) supón "un salto de xigante". "Conseguimos máis nun mes que o PP en 11 anos, por iso Feijóo ten estes días un berrinche tan grande", asegura.

XUNTA DE GALICIA

Sobre o presidente do Goberno Galego, Alberto Núñez Feijóo, a líder nacionalista apuntou a que se o PPdeG "non ten maioría absoluta vai haber un goberno alternativo na Xunta", aínda que non determina de que maneira se poderá constituír ese Executivo, xa que "as alianzas as fixan os cidadáns cos seus votos e será entón cando haxa que falar diso".

Con todo, precisou que "as portas do BNG están abertas a todas as persoas que se queiran sumar a este proxecto". Isto, sumado a "a liña á alza que experimenta" o seu partido "vaise ver con toda a súa potencia nas eleccións galegas".

Neste sentido, desliga o crecemento electoral do Bloque da "crise da esquerda rupturista" pola que foi preguntada na entrevista. "Os problemas dos demais non fan que a nós nos vaia ben, estamos a solicitar un incremento de militancia porque estamos a facer ben as cousas desde a humildade, soubemos renovarnos e ese novo BNG suma" e vese "como esperanza de cambio", clama Pontón.

"NUNCA É UN MAL MOMENTO PARA UNHA BAIXA DE MATERNIDADE"

Finalmente tamén tivo tempo para falar da súa próxima maternidade, que coincidirá coa "longa precampaña" que se espera, aínda que ela considera que "nunca é un mal momento para unha baixa de maternidade" e que está a vivir a chegada da súa filla "con moita alegría". A este respecto dixo que "hai moitas maneiras de compatibilizar o que significa ser nai coa responsabilidade" que ten. "O meu compañeiro sabe que vai ter que xogar un papel importante nestes meses", concluíu.

A portavoz Nacional do Bloque Nacionalista Galego (BNG) e deputada no Parlamento de Galicia, Ana Pontón, pousa tras unha entrevista con Europa Press no Parlamento de Galicia, en Santiago de Compostela a 2 de xaneiro de 2020.. Álvaro Ballesteros - Europa Press
A portavoz Nacional do Bloque Nacionalista Galego (BNG) e deputada no Parlamento de Galicia, Ana Pontón, pousa tras unha entrevista con Europa Press no Parlamento de Galicia, en Santiago de Compostela a 2 de xaneiro de 2020.. Álvaro Ballesteros - Europa Press | Fonte: Europa Press

HOMENAXE A CASTELAO

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, tamén ofreceu unhas declaracións durante unha homenaxe da formación a Castelao polo 70 aniversario do seu falecemento. Asegurou que a figura e pensamento do escritor resulta "incómoda para o poder porque o nacionalismo é clave para o cambio político real en Galicia".

No acto, celebrado en Rianxo, a vila natal do referente galeguista, Pontón leu parte do discurso que este deu en Buenos Aires e advertiu que os nacionalistas non nacen "para agradar aos poderosos", senón "para defender os intereses de Galicia e das súas maiorías sociais".

Neste sentido, lembrou que o BNG aposta por unha "tarifa eléctrica galega" fronte ao "espolio"; que "planta cara" ao modelo de produción "imposto por Europa"; e que se nega á mina de Touro polo "risco ambiental" que supón. Ademais, dixo non esquecer que hai "máis de 25 compañeiros nacionalistas" que van ser xulgados por reclamar que se devolvan "os bens roubados pola familia Franco".

Por outra banda, Pontón tamén valorou o acordo de investidura do BNG co Partido Socialista como "a mellor noticia para Galicia no últimos dez anos" despois de que, co anterior Goberno, Galicia contase cos "peores orzamentos en vinte anos", segundo a portavoz, aínda que finalmente non se chegaron a aprobar.

Así mesmo, a líder frontista chanceou con que este acordo cos socialistas deixou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, "enfadado" e cunha "postura victimista" que o converten "no Calimero da política galega".

Ademais, pediu ao novo Executivo que "sexa valente á hora de afrontar o debate sobre o modelo de estado e atender ás reclamacións das nacións sen estado" como Galicia. "Co BNG no Congreso, Galicia volve ser un país co que hai que negociar, acordar e respectar", engadiu Pontón.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta