España xa advertiu do “enorme poder” de Alemaña na UE

Nova achega dos correos de Stratfor. Camilo Villarino, conselleiro para Asuntos Transatlánticos e de Seguridade e Defensa na Embaixada de España en Washington, advertiu en comunicacións segredas cos analistas de Stratfor dos perigos do novo sistema de votación no Consello da UE, que dará a partir do ano 2014 un "enorme poder" aos "catro grandes": Reino Unido, Francia, Italia e, sobre todo, a Alemaña. A crítica contrasta coa subordinación de España aos ditados económicos que chegan dende Berlín.

Por Alberto Quian | Madrid | 05/11/2012 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

"A cantidade de poder que o novo sistema transfire aos 'catro grandes' países da UE, e en particular a Alemaña, é enorme". Esta era a advertencia que o diplomático español Camilo Villarino facía sobre o sistema de votación do Consello da Unión Europea nun dos correos electrónicos que intercambiou con Marko Papic, analista xeopolítico da axencia de intelixencia global Stratfor.

Rajoy e Merkel, líderes de España e Alemania nunha convención de conservadores europeos
Rajoy e Merkel, líderes de España e Alemania nunha convención de conservadores europeos | Fonte: EPP Flickr

Nun email enviado o 24 de marzo de 2010, Papic agradecía a Villarino a súa "concienciuda e expansiva" resposta, "extremadamente valiosa" para os analistas de Stratfor. E aseguráballe que toda a correspondencia entre ambos os dous era off the record. "Con Stratfor sempre o é", garantíalle.

Agora, grazas á base de datos que WikiLeaks puxo á nosa disposición, podemos coñecer as consideracións do diplomático español —conselleiro para Asuntos Transatlánticos e de Seguridade e Defensa na Embaixada de España en Washington— sobre temas que están a afectar en profundidade á nosa sociedade. O propio Villarino explicaba a Papic, "off the record", as súas consideracións sobre un asunto que é "máis importante do que a xente cre", apuntaba o diplomático español.

Villarino contestara a unha petición de Papic, do 18 de marzo, para coñecer a postura de España respecto do cambio do sistema de votación dos Estados no Consello da UE, que entrará en vigor o 1 de novembro de 2014.

"Estaría moi interesado en coñecer a súa opinión e visión sobre o proceso de negociación do Tratado de Lisboa. Cal foi a posición española sobre o aumento do peso da poboación?", escribiulle Papic a Villarino. 

Camilo Villarino, diplomático español.
Camilo Villarino, diplomático español.

Noutro correo anterior, do 16 de marzo, Villarino suxeriu a Papic que lle botara un vistazo ás consecuencias do novo sistema de votación previsto no Tratado de Lisboa. "Este novo sistema de votación incrementará notablemente o poder de Alemaña na Unión Europea", adiantaba o diplomático español, quen salientaba: "Seino ben: pasei oito anos negociando os novos tratados da Unión Europea".

Camilo Villarino intercambiou varias comunicacións con Stratfor dende a súa conta de correo oficial do Ministerio de Asuntos Exteriores e de Cooperación español, e asinou eses correos cos seus datos oficiais como membro da diplomacia española:

Camilo Villarino-Marzo

Political Counselor

Embassy of Spain

2375 Pennsylvania Ave., N.W.

Washington DC 20037

Tel. 202.7282351

Fax 202.8335670

A continuación publicamos en varios apartados o correo íntegro de Villarino.

A posición de España

"España opúxose constantemente ao novo sistema, coñecido coloquialmente como 'Dobre maioría' (xa que require unha maioría de Estados membros e unha maioría da poboación), dende que esta proposta apareceu, a principios de 2003, na Convención Europea que redactou o Tratado Constitucional da UE, ata a chegada ao poder de José Luis Rodríguez  Zapatero (aínda que nos últimos meses do mandato de José María Aznar España mostrou un certo grado de flexibilidade nesta materia, incorporando ao novo sistema de voto varias enmendas). O mesmo fixo Polonia. Ambos os dous países, como explicarei máis tarde, ían perder máis co novo sistema. O principal defensor do novo sistema de votación foi o presidente da Convención, Valery Giscard d'Estaing. Os grandes beneficiarios foron (e son), máis que nada, Alemaña e, nunha categoría separada, Reino Unido, Francia e Italia. Lixeiramente, tamén os Estados membros máis pequenos dalgún xeito aumentaron a súa cota de poder (debido á necesidade de contar con polo menos a metade dos Estados membros para acadar un maioría cualificada)".

Explicación do sistema de votación

"Antes de continuar teño que explicar como funciona o sistema de votación actual ('actual', xa que estará en vigor ata 2014 e na práctica, ata abril de 2017). O actual sistema, coñecido como o 'sistema de Niza', está baseado nun sistema de 'voto ponderado', no que cada Estado membro ten un certo número de votos en función de varios criterios políticos (que non aparecen en ningures nos Tratados da UE e son en gran medida o resultado do puro 'poder' de negociación) como o PIB, a poboación, a 'posición internacional', o comercio internacional, etc. Este sistema de voto ponderado foi utilizado dende as orixes das entón Comunidades Europeas, nos anos 50. O número de votos asignados aos distintos Estados membros experimentou cambios ao longo dos anos, sobre todo debido ás ampliacións.

No sistema actual, Alemaña, Francia, Reino Unido e Italia (os 'catro grandes') teñen cada un 29 votos; España e Polonia teñen cada un 27 votos; logo veñen Rumania, con 14 votos, e os Países Baixos, con 13 votos; e logo un grupo de países, como Bélxica, Portugal, Hungría ou a República Checa, con 12 votos, etc. Os Estados membros máis pequenos, por exemplo como Luxemburgo, teñen 4 votos. Coa fin de acadar unha maioría cualificada, hai a necesidade de contar co apoio dos Estados membros que representen polo menos 255 votos dun total de 345 (o que significa que calquera que poda reunir 91 votos ten unha 'minoría de bloqueo': trátase dun concepto clave que vou tratar máis adiante). É certo que o Tratado de Niza di que tamén necesitas contar co apoio da metade dos Estados membros da UE e que teñen que representar polo menos o 62% da poboación da UE, pero en termos matemáticos a distribución de votos é tal que dos 134 millóns de combinacións posibles de voto só existen 23 exemplos, dentro da actual Unión Europea de 27 Estados membros, onde este non é o caso, polo que na práctica se pode facer caso omiso desoutros criterios e só considerar os votos.

Este 'sistema ponderado' sempre tivo como unha das súas principais características o feito de que 'prima' aos Estados pequenos: canto máis pequeno es, máis grande é a 'prima'. Luxemburgo ten unha poboación 200 veces menor que Alemaña, pero a diferenza no poder de voto en termos absolutos é lixeiramente máis grande que 1 a 7. O mesmo ocorre con todos os Estados membros. O propósito deste sistema foi conceder a cada Estado voz e voto propio nos asuntos da UE. Tamén favorece que os Estados membros formen alianzas diferentes para constituír unha 'minoría de bloqueo' e forzar a continuación das negociacións.

No caso de España, isto significa que xunto con Polonia suman 54 votos. Aínda terían que conseguir 37 votos para acadar unha 'minoría de bloqueo', pero poden buscalos en toda unha serie de socios (en moitos casos serían suficientes outros catro Estados membros)".

O novo sistema de dobre maioría

"Todo isto vai cambiar co novo sistema de 'dobre maioría', no que a dobre maioría se forma cando se ten o apoio dos Estados membros que representan o 65% da poboación da UE e polo menos o 55% do número dos Estados membros (estou simplificando, pero estes son os fundamentos). Necesitas o 35,01% da poboación da UE para 'bloquear' a adopción dunha lexislación que consideres contraria aos teus intereses: España e Polonia, para continuar co exemplo anterior, representan aproximadamente o 17% da poboación da UE; para obter outro 18% necesitas o apoio de polo menos un dos 'catro grandes' (esta é a clave do novo sistema) ou tes que pensar no 'bloqueo' a través do número de Estados membros que se opoñen á decisión en cuestión (unha tarefa case imposible). A cantidade de poder que o novo sistema transfire aos "catro grandes", e en particular a Alemaña, é enorme.

Por que só España e Polonia se opuxeron ao novo sistema, até que cederon? Dado que a maioría dos outros 'perdedores' eran demasiado novos no xogo para atreverse a xogar duro (todos os recén chegados o 1 de maio de 2004, agás Polonia [Chipre, Eslovaquia, Eslovenia, Estonia, Hungría, Letonia, Lituania, Malta e República Checa]) ou pensaban que tiñan que concentrar os seus esforzos na reserva dunha nacionalidade na Comisión Europea (que finalmente conseguiron), mentres que os polacos e españois se fixeron cargo dos seus intereses na 'batalla' das votacións o mellor que puideron. Non esqueza que o mantemento dun comisionado foi sempre tamén un obxectivo nacional principal nas negociacións para moitos Estados membros: a Comisión Europea ten case o poder exclusivo de presentar propostas lexislativas, as cales, se existen divisións entre os comisarios, poden ser adoptadas pola xunta por unha maioría simple, ademais de que no proceso lexislativo da UE o Consello (os Estados membros) só pode modificar unha proposta da Comisión co seu consentimento ou por unanimidade".


Camilo Villarino: conselleiro para Asuntos Transatlánticos e de Seguridade e Defensa na Embaixada de España en Washington. Entre 2002 e 2008 foi subdirector xeral de Asuntos Institucionais para a Unión Europea no Ministerio de Asuntos Exteriores, responsable do equipo técnico encargado das negociacións dos novos Tratados da Unión Europea. É, ademais, vicepresidente do Real Instituto de Estudos Europeos. É autor do libro 'Un mundo en cambio. Perspectivas de la política exterior de la Unión Europea'.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 15 comentarios

2 xan soares

pois a ver si é verdade e interveñen dunha vez para protexer aos cidadáns españois do saqueo ao que nos someten os nosos políticos. Por certo, estou en Holanda, eiquí o paro é do 5%.

1 Fóra do país dos ananos

Pois é...Estado español = cascallos + incompetencia + demagoxia. Os que vivimos noutros estados europeus cun traballo ben pago, cun PIB per cápita superior aos 44.000 dólares, con taxas de desemprego inferiores ao 5 e ao 6%, cun economía activa e productiva e cuns servizos públicos saneados e solventes pensamos dun xeito moi semellante a como o fai Xan Soares. Solucións para amañar semellante desastre na Galiza? Eu neste foro moitas non vexo.

2 Emigrante

De que estados falas? dos dos mini jobs de 400 euros? ou dos que teñen que traballar logo de xubilarse para ter uns ingresos minimamente decentes?

3 Fóra do país dos ananos

Dinamarca, Holanda, Suecia, Austria, Noruega, Suíza, Luxemburgo...Eu vivo nun deses desde hai tempo xa e teño a súa cidadanía. Lamento que vostede non viva aí para comprobalo por si mesmo e para que teña un salario mellor que eses 400 euros dos que me fala e outras condicións de vida máis folgadas. Tamén hai que terlle unha formación, bos coñecementos do idioma do país e unha competencia que ofrecer, é claro.

4 refundo

En donde filigrana traballa vostede, anano? Si está todo o día na internete., que risa me dá!VOSTEDE pareceme Xaime Pita.

5 Fóra do país dos ananos

Vaia por diante, Sr. Refundo, que o de Xaime Pita ten bastante graza, a verdade, e a min gústame moito a rexouba, abofé que si! Home, se eu traballo ou non (e onde), ou se estou de ferias pagas ou se teño cartos abondo no banco para estar argallando as horas que me parece por aquí ou mesmo se estou xa en pensión, non llo vou explicar a vostede por aquí, como poderá comprender...En todo caso, xa que seica acompaña tanto os meus comentarios, será logo que tamén vostede emprega unha chea de tempo na Internet, non lle parece? Deus non queira entón que estea dentro dese 25% longo de paro que hai polas Españas e que é a vergonza de toda Europa! A cousa non pinta moi ben por aí, non é? Si, é todo unha risa...Perda coidado que non vou botar moito tempo por este xornaliño, xa logo marcho rir a outro lado. (O do datos deses países pode consultalo vostede na Wikipedia ou por aí, non lle ten moito segredo).

6 Emigrante

Mira meu traballei varios anos en Rosemberg (Holanda) agora estou xubilado. Alí non ataban os cans con longanizas, ainda que tiñan millores condicións laborais e sociais que nós pero sen ser ningunha panacea, gañamas mais cartos e a vida e impostos mais cara. Pero sigo a ter contacto con amizades de alí, comentanme que as condicións empeoraron moitisimo. Baixaron soldos e o estado social está irrecoñecible. Por exemplo: en Suecia os parados que cobran subsidios, son os menos.

7 anonimo

Holanda entrou en recesión xa o ano pasado. Van facer uns recortes inmensos, coma retrasar a idade de xubilación ate os 67 anos.

8 refundo

En "terra e tempo" ou en "libertad digital" ? Señor anano. O meu comentario non lle ía con malicia home, desculpeme o ton falangueiro e barballás baralleiro ,pero é que vivir na hanseatica Europa é pontificar por aquí non che é cousa de fachendosa rexouba.

9 xan soares

Emigrante, con agarimo cho digo, pásate por Holanda cando queiras e ven ver as terribles condicións de traballo dos holandeses. En Galicia, esquecimos de súpeto as condicións laborais dos nosos avós e fixémonos lacazáns estilo espanhol en dous días (non o digo por ti!). O goberno, o único que ten que garantir é traballo para todos e non deixar a 5 millóns de persoas á súa sorte. Traballo, aforro, salarios o que se poida e a facer números, non todos podemos ter un audi como se pensa en Espanha. Aperta

10 Emigrante

Non sei que peliculas contas, Xan, eu estiven traballando en Holanda e non me tes que explicar nada. A millor situación holandesa, aparte da sua situación xeografica ao lado da zoa mais industrializada de Alemaña, ven polas suas políticas sociais, que reactivan a economía e dan millor calidade de vida. Politicas de investimentos públicos e sociais e de expansión fiscal as rendas altas. Coido que ti eres un liberal que loa o estado social socialdemócrata impulsado ate polos mesmos conservadores. Iso é unha clase empresarial moi diferente a clase empresarial sobre explotadora e corrupta de aquí. Onde respetanse os dereitos dos traballadores e fanse continuamento cursos de formación, a cargo da empresa i en horario laboral.

1 F. S. G.

Noraboa pola primicia. O asunto ten moita importancia para o futuro dos cidadáns europeos.

1 Afectado

Pero´...é que os cibdadans europeos teñen futuro dentro da UE dos mercaderes? Pois si que é unha unión de caralho, onde nin siquer hai unión fiscal.

2 F. S. G.

Ao AFECTADO: Ninguén -eu non- identificou futuro e UE, pero o certo é que sen a UE na Galicia non habería nin o 50% dos pesqueiros, nin as autovías á Meseta e á cornisa cantábrica, nin a mitade dos portos deportivos, nin a mitade das casas de cultura, nin a mitade das casas de turismo rural, nin... É certo que eses miles de millóns de euros se investiron de xeito pouco produtivo, pero o destiño dos cartos FOI DECIDIDO AQUÍ, EN SANTIAGO e en Madrid, por sucesivos gobernos galegos e españois. Si, en moitos aspectos é unha Unión de carallo, pero o "carallo" máis "jrande" está aquí, ¡¡¡en Galicia!!! Saúdos.

3 Afectado

Si home, a conta de desmantelar o noso tecido industrial e agro. De perder soberania, de non ter un banco central propio que vaia a salvarnos dos ataques especulativos da banca, a mesma banca que foi rescatada para darlle garantia de recuperación a banca europea dos seus investimentos na burbulla do ladrillo (onde tamén están picinas, portos deportivos e paseos maritimos) a conta de endebedarno por xeracións.