O falso nove en linguaxe tabernaria

Voulles contar un ruxerruxe, deses que se oen polas tabernas e as tascas, eses lugares que nos fan falar en linguaxe de taninos.

Por Mariña Pérez | Ames | 07/11/2012

Comparte esta noticia
Poden ser arroutadas da xente ou  falar por non estar calados, pero o que se vén dicindo nos mentideiros populares é que, visto o visto nese domingo -case de Resurrección- a oposición nunca tivo intención de querer gobernar este país. Iso é o que se rosma. Que disque dado o panorama desalentador da crise non houbo vontade de presentar unha alternativa sólida, eficaz, plural ou cun mínimo de afouteza. Vaia! Que de medio campo para diante non se viron, que non pagaba a pena saír. Dito en linguaxe tabernaria: “Víronlle as orellas ao lobo e recuaron”. Será dixomedíxome ou será pataqueirada, desas cousas que se din nas baiucas dos pobos. Non me fagan caso, eu só son unha pobriña faladora. 
 
E para ser honestos, haille que recoñecer aos vencedores a táctica, a disciplina, a posesión de balón, dianteiros e visión de gol. Irreprochable. Iso si é querer gañar. E se hai trapos sucios, mellor lávanse no vestiario, non á vista do electorado. Que máis que gañar uns perderon os outros, de inanición e de desidia. Claro que tamén se di que o escenario dos que gañaron non queda para botar foguetes. A quen lle pode prestar gobernar esta situación de deriva? E la nave va. Que disque semella unha vitoria pírrica. Que aínda han morrer de éxito. Tamén ata é posible, neste país de retranca e chanza, que o pobo galego votara en clave de: “ Queren gobernar eles? Que gobernen, hostia!” (Vostedes xa  saben que nas nosas baiucas hai que acabar as frases cun pecado ou cunha herexía para non pasar por un cheíñas, un pringao, ou aínda peor: un intelectual.)
 
Paco, saca unha de zorza e cóbrama a min.
Que fas, hostia? Que ti xa pagaches o outro día…
 
O exabrupto é idiosincrasia local, e se vai acompañado dun golpe ben dado na mesa logra un inestimable efecto testosterona na conversa. Despois de ser un pouco máis pecadentos, séguese falando de política en clave de fútbol, e o rumor vaise estendendo de provincia en provincia, de deputación en deputación, ata coller forma de análise (?). En fin. Así as cousas vense dicindo entre cañas, ribeiros e licor café, que en Galicia nunca houbo socialismo, que é un bluf da televisión, coma o de que o home chegou á lúa. E por aí a xente ri do minifundismo de partidos, tan propio do país que cultivamos. Seica uns xogan en Terceira rexional e outros na Champion.
 
Canto á loita fratricida, no tabernario diferéncianse os nacionalistas gran reserva e os nacionalistas transxénicos. Os nacionalistas de gran reserva, os de cerna dura, seica foron un pouco precavidos de máis; creo que en símil futbolístico vén sendo xogar atrás. Os transxénicos foron uns inxenuos, uns irresponsables, mira que ilusionar a xente e crear voto fresco…! Coa que está caendo! Malpocados! Cos seus nove escanos modificados xeneticamente non lles queda máis que desenvolver un programa, e ata van ter que sacar voz, presenza ou zapatos novos no Parlamento. Desculpen a miña ignorancia, era iso xogar cun falso nove para despistar? 
 
O caso é que mentres uns discuten se debemos dicir Galicia ou Galiza segundo a etimoloxía da palabra, outros arrancan pola banda dereita e chantan a marca Spain no medio e medio da escuadra. Ou que galego pasa por debaixo dun castiñeiro e non saca unhas castañas novas dos ourizos regañados, mesmo que sexa a leira do veciño?
 
Pero a linguaxe tabernaria hai que lela con claves e saber ignorar o que non ten xeito. Dinse moitas barrabasadas. Eu tamén lles teño oído dicir nalgunha adega que o recibo de luz do 2011 nolo ían volver cobrar nunha “refacturización”, ou que iamos cotizar pola paga extra que non chegariamos a ver. Falar por non estar calados. Dixomedíxomes e pataqueiradas. A frase final, lapidaria, antes de se iren para a casa a durmir, xa poden adiviñar cal é. Si: “Son todos iguais”. Seguido dun pecado que comece por hache, por suposto. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Mariña Pérez Rei Mariña Pérez Rei é unha escritora amiense afincada na cidade de Santiago de Compostela. Licenciada en Filoloxía Hispánica e en Filoloxía Galego-portuguesa, actualmente exerce como profesora de Lingua e Literatura Galega no Ensino Secundario. Entre a súa obra publicada destaca a poesía e a novela curta. Tamén colabora en xornais e revistas con artigos de opinión. No ano 2005 acada o premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón polo libro Fanerógama e comeza a publicar. No 2006 obtén o Premio Manuel Lueiro Rei de novela por Canícula, editorial Sotelo Blanco. No 2009 publica o libro de poesía en edición limitada e artesanal: Apuntamentos para un cuarto confuso e cambiante, na editorial Bourel. Un ano despois publica o libro de poesía Paquidermo na editorial Bubela co que ingresa na corrente filosófico- poética do sentimental-ISMO, e nese mesmo ano obtén o premio de relato de aventuras Antón Avilés de Taramancos coa narración Costa necrópole. Escenarios para deslembrar, publicada na editorial Toxosoutos. No 2011 participa nas antoloxías de poesía sentimental-istas da editorial Bubela e colabora co grupo musical Loaira.